9 de decembro de 2025.
A Federación Galega de Balonmán (FGBm) pon en marcha esta semana as primeiras actividades do Programa de Detección e Desenvolvemento de Talentos de Balonmán (PDDTB). Este plan de tecnificación busca identificar e acompañar desde a categoría alevín os xogadores e xogadoras con proxección para formar parte das Seleccións Galegas. O programa conta co apoio do VI Plan Social de Ence Pontevedra.
As dúas primeiras actividades atacan o proxecto desde os dous extremos: a formación de quen adestra e o seguimento de quen xoga.
Curso de Monitor/a: máis de 60 alumnos e alumnas
Do 9 de decembro de 2025 ao 27 de marzo de 2026
Hoxe comeza o Curso de Monitor/a de Balonmán, con máis de 60 persoas inscritas. Detectar talento empeza por ter boas adestradoras e bos adestradores nas canchas. Este curso dálles ás novas monitoras e monitores as ferramentas técnicas, tácticas e pedagóxicas para traballar coas idades de iniciación. Ademais, comparten unha mesma visión do xogo cos criterios do programa. Así, cada club que conte cun monitor ou monitora formado/a será tamén unha primeira porta para que o talento se vexa e se desenvolva.
Observación de xogadores e xogadoras nas Ligas Alevín 5 e Alevín 7
Do 12 de decembro de 2025 ao 15 de marzo de 2026
O venres 12 de decembro arrinca a observación nas competicións das Ligas Alevín 5 e Alevín 7. O persoal técnico da FGBm seguirá os partidos para coñecer de preto os xogadores e xogadoras desta categoría. Valorarán os aspectos técnicos, tácticos, físicos e de actitude que marcan o potencial dun/dunha deportista nestas idades. A observación non substitúe o traballo dos clubs, senón que o complementa. O obxectivo é que ningún talento quede sen ver e que todas as zonas de Galicia teñan as mesmas oportunidades.
O primeiro chanzo cara ás Seleccións Galegas
Estas actividades son a base sobre a que se construirá o resto do programa. Coa información recollida nas canchas e cos técnicos formados, a FGBm poderá ofrecer aos xogadores e xogadoras seleccionados/as un traballo específico do seu desenvolvemento psíquico, técnico, táctico e físico. Esa é a preparación de cara aos Campionatos de España de Seleccións Autonómicas (CESA) e ao futuro do balonmán galego.
A Federación Galega de Balonmán agradece a Ence o seu compromiso co deporte de base. Sen ese apoio, este programa non sería posible na súa forma actual.
A FGBm é entidade beneficiaria do VI Plan Social de Ence Pontevedra.
#plansocialencepontevedra #TalentosBalonmanoEnce #BalonmanoParaTod@s



