A Copa 5×5 de Balonmán na Rúa da Deputación da Coruña continúa o seu percorrido pola provincia e fai parada esta fin de semana no Concello de Noia, cunha nova sede que promete deporte, diversión e moito ambiente arredor do balonmán.
Durante varias xornadas, Noia converterase nun punto de encontro para nenos e nenas de diferentes idades, que poderán gozar dun formato dinámico, aberto e participativo, pensado para achegar o balonmán á rúa e fomentar a práctica deportiva dun xeito lúdico e accesible para todos e todas.
A Copa 5×5 está deseñada para que calquera poida participar, polo que aqueles nenos e nenas que non estean inscritos previamente tamén poderán achegarse á instalación, falar cos compañeiros e compañeiras da Federación Galega de Balonmán e incorporarse á competición sen ningún problema. O principal obxectivo é desfrutar do xogo, compartir experiencias e vivir o balonmán desde dentro.
Un evento que contará, ademais, cun ambiente festivo, con música, animación e diferentes dinámicas ao longo das xornadas, facendo da Copa 5×5 unha auténtica festa do deporte para familias, participantes e público asistente.
Desde a Federación Galega de Balonmán animamos a toda a veciñanza de Noia e da contorna a achegarse, participar e vivir de primeira man esta experiencia única, posible grazas ao apoio da Deputación da Coruña e á colaboración do Concello de Noia, que apostan por levar o deporte á rúa e seguir promovendo hábitos saudables entre a rapazada.
🔗 Inscricións:
https://balonmano.misquad.es/detalle_inscripcion_actividad.php?id_actividad=MjM%3D



