A DEPUTACIÓN DA CORUÑA RECIBE AOS 13 DEPORTISTAS DA PROVINCIA PARTICIPANTES NO CESA 2026 COAS SELECCIÓNS GALEGAS DE BALONMÁN

A Coruña, 3 de marzo de 2026.– O Presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, recibiron hoxe ás 18:30 horas, na sede da institución provincial, aos 13 deportistas da provincia que participaron no Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA) 2026 formando parte das seleccións galegas de balonmán.

Os e as deportistas pertencen aos clubs Escalas Balonmán Xiria, Balonmán Culleredo e Balonmano Línea 21, foron protagonistas dun dos mellores resultados da historia recente do balonmán galego nesta competición.

Galicia acadou unha meritoria medalla de prata na categoría xuvenil masculina, contando coa participación dos coruñeses Marcos Varela e Xoán Canedo; unha medalla de bronce en categoría cadete masculina, con Teo Gómez, Manuel Caamaño e Alexis Martínez; dous cuartos postos nas categorías infantís, cos e coas deportistas coruñeses/as Rachel Ortiz, Uxía Seoane, Daniel Bra, Aitor Fariña e Mario Prada; e un oitavo posto en categoría cadete feminina, con Rosalía Veiga, Natalia Varela e Claudia Soto. Na categoría xuvenil feminina Galicia tamén participou, aínda que sen representación coruñesa.

No acto estiveron presentes familiares dos e das deportistas, así como representantes dos seus clubs, nun encontro no que tamén se produciu un intercambio de detalles institucionais.

En representación da Federación Galega de Balonmán asistiron o vicepresidente, José Ignacio Permuy, e o directivo Francisco J. Rodríguez, quen destacaron o firme apoio da Deputación da Coruña á promoción, fomento e crecemento do balonmán na provincia, sendo esta a que maior incremento de licenzas rexistrou nos últimos anos en Galicia.

Cómpre salientar que a Deputación da Coruña é a principal impulsora da Copa 5×5 de Balonmán na Rúa, un formato novidoso, exitoso e pioneiro que xa contou coa participación de máis de 8.000 nenos e nenas e que chegou a 18 concellos da provincia, consolidándose como unha iniciativa clave para achegar o balonmán á base.