DAVID GARCÍA, OUTRO DOS NOSOS HEROES: TRABALLA NA UCI CON PACIENTES COVID-19

Un dos nosos, David García (ex xogador do Frigoríficos do Morrazo), chegou hai un par de anos a Francia para xogar, pero sen esquecer a necesidade de rematar os seus estudos de fisioterapia. Así, dende hai uns meses está a traballar como fisioterapeuta no hospital de Caen: “Levo 7 meses traballando no hospital e o meu traballo consiste, como todo fisioterapeuta, en facer a reeducación de diferentes lesións ademais de traballo respiratorio xa sexa despois das diferentes operacións ou antes, para preparalos para o traballo post  operatorio”, explicounos. E agora, coa crise do COVID-19, está a traballar con pacientes con este virus na UCI, para axudarlles na mobilidade das súas articulacións.

En Francia tamén tiveron problemas co material de protección. “Se houbo problemas co material, aínda que creo que chegou máis tarde que aí. Pero aínda así os problemas de material solucionáronos rápido e cambiaron de materiais. Cando se acabaron os EPIs empezáronse a usar de tea. É máis complicado porque dan moita calor, pero ao final o importante é estar protexido para poder tratar aos pacientes igual”.

Normandía non é unha das zonas máis problemáticas, aínda que como o virus non sempre se mostra, iso provoca algún problemas: “Esta semana contaxiáronse algúns por haber un paciente que era positivo sen que ninguén o soubese e cando se deron conta había algún infectado. Pero senón, non houbo moitos a verdade”. En Francia houbo traslado de pacientes entre rexións para poder atender a todos: “Normandía non foi a rexión máis afectada de Francia polo que non tivemos moitísimos pacientes propios, pero recibimos pacientes doutras comunidades que tiñan os seus hospitais cheos e non podían facer os tratamentos como é debido”.

David explicounos que en Francia o confinamento é máis suave que en España: “Aquí o confinamento levámolo ben, temos menos restricións que en España. Desde o principio podiamos saír a facer deporte e a pasear coas nosas mascotas durante unha hora. Só que temos que encher un atestado para que se nos paran,  xustificar o motivo. As empresas están a abrir todas con precaucións e o colexio para os máis pequenos empeza o 11 e aos poucos irán o resto progresivamente”.

David está informado sobre todo o que sucede en Galicia e España a través dos seus, pero en Francia “non se adoita falar do que pasa en España, moito máis alá de que hai moitas mortes e infectados”. O xogador, afortunadamente, so ten boas noticias dos seus, pero remata cun consello moi importante: “A miña familia e amigos por agora están todos ben e esperemos que siga  así.   Están cumprindo o confinamento como debe facer todo o mundo, que parece que hai xente que se toma a broma o do confinamento e o virus. Pero xente desa hai en España en Francia e en todo o mundo”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *