A FEDERACIÓN GALEGA DE BALONMÁN CONDENA OS FEITOS PROVOCADOS POR UNHA AFECCIONADA NUN ENCONTRO ALEVÍN

A raíz dos feitos acaecidos durante a mañá de hoxe, na grada do Pavillón A Bombonera de Redondela, e durante o transcurso do encontro alevín entre os equipos “SAR Nosatún” e “Construcciones El Hogar Balonmán Cañiza”, os cales provocaron a paralización do xogo, posterior entrada a vestiarios de xogadores e  desaloxo do pavillón; a Federación Galega de Balonmán quere por de manifesto o seguinte:

  1. Condenamos rotundamente a actitude violenta da afeccionada implicada no incidente e a ausencia total de arrepentimento unha vez foi identificada polos axentes do corpo de seguridade local. 
  • Confirmamos publicamente que coa finalidade de afastar estes comportamentos do Balonmán Galego, daremos traslado de toda a información da que dispoñemos ao Comité Territorial de Competición e á Comisión Galega de Control da Violencia no Deporte.
  • Agradecemos enormemente á SAR e ao Club Balonmán Cañiza, a colaboración dos seus corpos técnicos e directivas,  así coma a condena inmediata e contundente dos feitos.

Así mesmo, queremos amosar o noso total apoio ao colectivo arbitral, xa que máis aló da falta de empatía, da cultura deportiva, e da crispación pola competición mal entendida dalgunhas persoas ; a Federación Galega de Balonmán valora enormemente o esforzo que realiza cada membro do estamento: mentres a actitude sexa correcta, os erros son parte do proceso natural de formación de calquera deportista, e quen non o entenda así é mellor que invista o seu tempo en algo máis produtivo que indo aos pavillóns a faltar ao respecto a ninguén.


NON á violencia no deporte, NON a normalizar os insultos e as saídas de ton, NON a ir aos pavillóns a facer que outra xente non desfrute do balonmán, NON a mirar para outro lado, NON a dar mal exemplo aos/ás deportistas…