O manchego Álvaro de Lara presentou a plataforma en Aula Miño, na Guarda, cunha sesión para técnicos/as e prácticas durante os encontros do II Torneo Transfronteirizo. O acordo inclúe un importante desconto para os clubs galegos.
A Federación Galega de Balonmán e Handlytic estableceron un acordo de colaboración para facilitar o acceso dos clubs galegos a ferramentas de análise estatística aplicadas ao balonmán.
No marco desta colaboración, o manchego Álvaro de Lara, desenvolvedor de Handlytic, estivo hai unhas semanas en Aula Miño, na Guarda, para ensinarlles o funcionamento da plataforma a técnicos/as. A formación combinou a explicación das súas funcións con prácticas durante os encontros do II Torneo Transfronteirizo.
As sesións permitíronlles ás persoas participantes utilizar a ferramenta en situacións reais de competición e coñecer como rexistrar e interpretar datos para analizar o rendemento de equipos e xogadores/as.
Handlytic é unha plataforma especializada na análise estatística de balonmán, orientada a técnicos/as e clubs. O seu obxectivo é facilitar a análise de adestramentos e partidos e achegar información útil para preparar as sesións de traballo e apoiar as decisións do corpo técnico.
Un importante desconto para os clubs galegos
O acordo de colaboración contempla un importante desconto para os clubs galegos interesados en utilizar Handlytic.
Para coñecer as condicións e obter o desconto, os clubs deben poñerse en contacto coa Área Técnica da Federación Galega de Balonmán a través de a.tecnica@fgbalonman.com.
https://www.handlytic.com/es







