A FORZA DO BALONMÁN GALEGO QUEDOU PATENTE NA CIDADE DA CULTURA DE GALICIA

O auditorio Fontán, na Cidade da Cultura de Galicia, foi o marco dunha presentación na que non faltou de nada. Co mellor mestre de ceremonias posible, Terio Carrera, e con mais de seiscentos asistentes, arrincou un acto á altura dos grandes eventos do deporte mundial. 

A Federación Galega de Balonmán vestiuse de gala para presentar aos seis combinados que representarán a Galicia no vindeiro Campionato de España de Seleccións Autonómicas, que se celebrará do 2 ao 7 de xaneiro en Cataluña.

Pouco mais dunha hora e media foi suficiente para realizar a presentación de todos e cada un dos compoñentes dos diferentes combinados, para lucir ao mais puro estilo “Fashion Week” a nova liña de roupa da marca Hummel que vestirán as seleccións galegas; tamén houbo tempo para descubrir o spot que utilizará a Federación Galega de Balonmán para promocionar a súa participación do CESA 2024, houbo recoñecementos, houbo declaracións e tamén houbo tempo para que todos e todas as asistentes puidesen sacar unha foto no photocall de recibimento e poder inmortalizar un acontecemento que unha vez mais, marcará un antes e un despois no deporte galego.

Asistiron as familias dos/as deportistas, o Delegado Territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor; o Deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira; o Deputado de Xuventude da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, e unha ampla representación de alcaldes, alcaldesas e concelleiros dos diferentes concellos representados nas seleccións galegas: O Rosal, Bueu, Carballo, A Guarda, Tomiño, Redondela, Cangas, Rodeiro, A Estrada…

Foron moitas as empresas colaboradoras que se achegaron ao auditorio Fontán a presenciar a espectacular posta en escena do balonmán de base; todas elas foron recoñecidas cunha orla de todos os integrantes da expedición, cunhas galletas “Mariñeiras” por xentileza de Daveiga e co pasaporte do balonmán galego, que a Federación vai cuñando ano a ano co logotipo do CESA correspondente.

Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán comentou: “agradecemos enormemente a resposta do balonmán galego e das institucións, hoxe quedou patente a fortaleza do noso deporte, actos coma este dannos a enerxía necesaria para emprender novos proxectos e visibilizar o gran traballo que están a facer os nosos clubs”.

As seleccións galegas partirán a noite de fin de ano cara Cataluña, co obxectivo de deixar a Galicia no máis alto. O traballo realizado dende a dirección técnica con Elena Estévez e Rubén González á cabeza, xunto co asesoramento deportivo de Nacho Moyano, non está en dúbida, pero o que si está claro é que Galicia afronta este CESA coa máxima ilusión e coma unha gran familia.

No seguinte enlace poderes ver a gala íntegra: https://youtu.be/GpT9iAaamBk