O conxunto redondelán únese ao Grupo Lemaco Xiria A e ao Dental Pablo Sieiro BM Cangas como representantes galegas no sector nacional.
SEMIFINAIS
A emoción do balonmán cadete trasladouse esta fin de semana ao pavillón Coirón Area, en Meaño, co arranque da Final 4 da categoría cadete feminina. Na primeira semifinal do sábado, o Mecalia Atlético Guardés impúxose con claridade ao Ferretería Molares Carballal Balonmán A cun marcador de 27 a 37.
O encontro comezou cun ritmo moi alto, protagonizado polas boas defensas e intervencións destacadas baixo os paus por parte de ambos equipos. A igualdade mantívose ata o descanso, pero á volta do vestiario foron as rapazas de A Guarda as que deron un paso adiante.
As paradas de Julia e Vera, claves na portería do Mecalia Atlético Guardés, xunto coa intensidade defensiva de Sabela e a dirección ofensiva de Silvia, marcaron o camiño da vitoria para as do Baixo Miño. A presión das guardesas foi apagando ao equipo vigués, que tivo que esgotar os seus tempos mortos sen atopar resposta ao dominio rival.
Con este resultado, o Mecalia Atlético Guardés avanzou á gran final, onde loitou pola última praza galega para os sectores nacionais da categoría cadete feminina.
Na segunda semifinal, gran encontro o vivido entre o equipo anfitrión, Taberna Os Arcos Asmubal Meaño, e a SAR Rodavigo, nun partido marcado pola igualdade e a intensidade desde o primeiro minuto. Ao descanso, a vantaxe era mínima para as de Redondela (11-12), grazas a unha sólida defensa inicial que incomodou ao cadro local.
Na segunda metade, o Taberna Os Arcos Asmubal Meaño conseguiu darlle a volta ao marcador tras un bo inicio e un cambio de dinámica favorecido polos espazos xerados tras a modificación defensiva das rivais. Hai que destacar o gran traballo das porteiras, Carlota e María, baixo os paus.
A pesar do empurre local, a SAR Rodavigo conseguiu impor pouco a pouco o seu xogo mais dinámico e veloz fronte ao ritmo pausado das anfitrioas, levando o partido ao seu terreo e conseguindo o pase á final cun resultado no marcador de 27-29.
3º e 4º POSTO
O partido polo terceiro posto arrancou con máxima igualdade. O Ferretería Molares Carballal Balonmán A amosou unha gran intensidade defensiva nos primeiros minutos, dificultando o xogo ofensivo do equipo anfitrión. Ao descanso, o marcador reflectía a igualdade do choque: 12-11 a favor das viguesas.
Na segunda metade, a pesar das tentativas do Taberna Os Arcos Asmubal Meaño por recortar diferenzas, o Ferretería Molares Carballal Balonmán A mantivo a regularidade e o control do xogo. A porteira Iria, realizou intervencións clave, mentres que Gabriela e Olalla lideraron o ataque, asegurando a vantaxe para o seu equipo.
Finalmente, o equipo vigués impúxose por 27-31, asegurando o terceiro posto desta Final 4 cadete feminina.
FINAL
A final arrincou cun ritmo frenético por parte da SAR Rodavigo, que logrou neutralizar por completo o ataque do Mecalia Atlético Guardés. As redondelás dominaron os primeiros compases do encontro, forzando ao cadro guardés a gastar dous tempos mortos antes do descanso. Aínda así, o Mecalia Atlético Guardés conseguiu recortar lixeiramente a súa desvantaxe nos minutos finais da primeira metade, chegando ao descanso cun resultado de 22-16.
Na segunda parte, o equipo da Guarda encadeou boas accións ofensivas, pero non foi quen de reducir a desvantaxe a menos de tres goles. A SAR Rodavigo mantivo a compostura e o control do encontro grazas a unha sólida defensa liderada por Candela, elixida MVP da final, ao brillante papel de Daniela no ataque e á seguridade de Noa desde os sete metros.
Co resultado final de 35-31, a SAR Rodavigo proclamouse campioa da Final 4 cadete feminina, acadando así a terceira praza galega para o sector nacional.
Con esta vitoria, a SAR Rodavigo únese aos equipos que xa tiñan garantida a súa praza para o sector nacional: o Grupo Lemaco Xiria A, campión galego da categoría, e o Dental Pablo Sieiro BM Cangas, subcampión da Liga Ouro. Ambos conxuntos recibiron nesta Final 4 cadete feminina, o seu trofeo acreditativo por estes postos acadados na liga regular.
Estes tres equipos representarán ao balonmán galego no sector estatal cadete feminino.