A SELECCIÓN GALEGA INFANTIL FEMININA DISPUTARÁ A FINAL DO CAMPIONATO DE ESPAÑA

A selección galega infantil feminina, dirixida pola guardesa Elena Estévez, disputará mañá ás 11:00 da mañá a final do Campionato de España de Seleccións Autonómicas depois de derrotar por 20-25 a Andalucía.

O combinado galego foi medrando ao longo do campionato, acadando a permanencia e materializando o pase a semifinais contra Castela e León. Elena Estévez, foi a adestradora do Mecalia Atlético Guardés que acadou o ascenso á máxima categoría na tempada 2011-12, a guardesa comentou: «esta vitoria é o mellor regalo de reis que podíamos ter, temos un equipo de auténticas loitadoras que nunca se dan por vencidas; sabíamos que Andalucía era a favorita, pero coa loita, a garra e as gañas de victoria, abadamos impoñendonos no marcador, queremos irnos cunha vitoria mañá».

Galicia amosou unha gran competitividade neste CESA, clasificando catro dos combinados para cuartos de final. A selección cadete masculina caeu contra Navarra despois de ir dominando no marcador durante a maior parte do encontro; a infantil masculina caeu pola mínima contra a Comunidade Valenciana nos últimos segundos, mentres que a xuvenil feminina no podía superar a Euskadi.

A polémica deste CESA produciuse no encontro xuvenil masculino contra Madrid, co pase a cuartos de final en xogo e no que despois de ir por diante no marcador durante cincuenta e sete minutos, unha decisión da mesa sobre un mal cambio, provocou unha inferioridade numérica nos galegos que condicionou o resultado final privando aos galaicos do merecido pase a cuartos de final. O vídeo deixa claro que o mal cambio foi inexistente; Galicia fixo as reclamacións pertinentes pero non obtiveron os efectos desexados.

Por outra banda, a selección cadete feminina, despois de caer no partido clave contra Aragón na primeira xornada, perdeu as opcións de avanzar na clasificación e está a pelexar pola Copa de España.

Rubén González, responsable da Federación Galega de Balonmán, comentou: «foi un campionato raro, no que Galicia amosou un gran nivel competitivo que nalgunhas ocasións non se veu reflectido nos resultados, plantamos cara en todos os encontros, acadamos o ascenso en xuvenil feminino e no masculino unha mala e inoportuna decisión da mesa privounos de pelexar por máis; a medalla que se colgarán mañá as infantís é un recoñecemento ao traballo realizado por todas as partes implicadas neste CESA, deportistas, corpos técnicos, federación e familias, xa que afección galega non tivo competencia neste campionato».

Máis de 300 persoas se desplazaron a Cataluña a apoiar os diferentes combinados, destacando sobre outras comunidades, tinguindo de azul as bancadas en todos os encontros e deixando unha gran imaxe do balonmán galego.