A Sangriña acollerá os días 19 e 20 de setembro a segunda edición da Supercopa Rexional Ibérica Galicia – Porto, unha competición que reunirá aos equipos campións de Galicia e da Associação de Andebol do Porto da tempada 2025/2026 en oito encontros desde categoría infantil ata sénior.
A conta atrás remata. A Supercopa Rexional Ibérica Galicia – Porto 2026 chega esta fin de semana á Guarda para converter o Pavillón Municipal da Sangriña no escenario dunha competición única que reunirá aos mellores equipos de Galicia e do norte de Portugal.
Durante dúas xornadas, o balonmán galego e portugués volverán verse as caras nunha cita que continúa medrando tras a súa primeira edición en Matosinhos e que este ano se celebra por primeira vez en Galicia.
O BALONMÁN GALEGO E PORTUGUÉS MÍDENSE NA SANGRIÑA
A Supercopa Rexional Ibérica Galicia – Porto enfronta aos equipos campións de Galicia e aos equipos campións da Associação de Andebol do Porto da tempada 2025/2026 en todas as categorías, desde infantil ata sénior.
O torneo permitirá vivir oito encontros ao longo da fin de semana, converténdose nun auténtico escaparate do balonmán de ambos os dous territorios e nun espazo de encontro entre clubs, xogadores e xogadoras de Galicia e Portugal.
CATRO ENCONTROS FEMININOS PARA ABRIR A COMPETICIÓN
O sábado 19 de setembro será a quenda das categorías femininas, cunha xornada que reunirá ás campioas galegas fronte ás campioas do Porto.
Horario da xornada feminina:
- 11:00 h | Infantil feminino
- SAR Rodavigo – Almeida Garrett
- 13:00 h | Cadete feminino
- Atlético Guardés – Almeida Garrett
- 16:30 h | Xuvenil feminino
- Calfrima Carballal – Almeida Garrett
- 18:30 h | Sénior feminino
- Planciber Seis do Nadal – Sport Club Nun’Álvares
O DOMINGO SERÁ A QUENDA DAS CATEGORÍAS MASCULINAS
O domingo 20 de setembro completarase a competición coa disputa dos encontros masculinos.
Horario da xornada masculina:
- 11:00 h | Infantil masculino
- As Casiñas Luceros – IE CIC / Academia Claret
- 13:00 h | Xuvenil masculino
- Disalmo Luceros – Cale
- 16:30 h | Cadete masculino
- Buenas Migas Luceros – Aguas Santas
- 18:30 h | Sénior masculino
- SAR OPMobility – Aguas Santas
UN EVENTO PARA DESFRUTAR DO BALONMÁN DURANTE TODA A FIN DE SEMANA
A Supercopa Rexional Ibérica Galicia – Porto chega á súa segunda edición coa vocación de consolidarse como unha competición de referencia dentro da cooperación deportiva entre Galicia e Portugal.
A presenza de categorías femininas e masculinas, desde a base ata sénior, permite reunir nun mesmo evento ás mellores xeracións do balonmán galego e portugués e seguir fortalecendo os vínculos entre ambas as dúas federacións.
A entrada aos encontros será libre, polo que a Federación Galega de Balonmán anima á afección a achegarse á Guarda e desfrutar dunha fin de semana de balonmán con protagonismo para os clubs campións de Galicia e do Porto.
A GUARDA, EPICENTRO DA SEGUNDA EDICIÓN
Tras o seu nacemento en Matosinhos, a Supercopa Rexional Ibérica Galicia – Porto celebra este ano a súa primeira edición en territorio galego, dando un novo paso na consolidación dun proxecto que aposta pola cooperación transfronteiriza a través do balonmán.
Durante os días 19 e 20 de setembro, A Sangriña converterase no punto de encontro do balonmán galego e portugués nunha cita que promete dous días de competición, convivencia e moito balonmán.





