ARRINCA A SEGUNDA EDICIÓN DA COPA 5X5 DE BALONMÁN NA RÚA DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Mércores 10 de abril de 2024

O segundo circuíto da Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación da Coruña xa é unha realidade; a presentación oficial desta iniciativa levada a cabo entre a Deputación da Coruña e a Federación Galega de Balonmán, coa colaboración dos sete concellos que serán sede, celebrouse esta tarde na Praza do Parrote, no concello da Coruña.

O vistoso estadio de Minibalonmán xa está instalado na dársena do porto; cunhas vistas inigualables, os máis cativos e cativas, nados entre os anos 2012 e 2016, poderán desfrutar coma verdadeiros profesionais dun deporte que cada vez está a ter máis arraigo na provincia.

Á presentación oficial asistiu representación dos sete concellos que serán sede nesta segunda edición da Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación da Coruña:

  • CONCELLO DA CORUÑA (10-14 abril)
  • CONCELLO DE ZAS (26-28 abril)
  • CONCELLO DE SADA (3-5 maio)
  • CONCELLO DE NEGREIRA (10-12 maio)
  • CONCELLO DE OROSO (31 maio-2 xuño)
  • CONCELLO DE CEDEIRA (14-16 xuño)
  • CONCELLO DE RIBEIRA (21-23 xuño)

Ademáis, por parte da Deputación Provincial da Coruña estiveron presentes o presidente D. Valentín González Formoso e o Deputado de Deportes D. Antonio Leira Piñeiro. A Deputación Provincial da Coruña financia esta actividade pioneira que trata de levar o deporte ás ruas da provincia, coa intención de visibilizar e promocionar a práctica deportiva e os valores que a rodean.

A edición pasada tivo un rotundo éxito participativo, con máis de 1.600 deportistas e cunha ampla presenza feminina (62%). Os actuais clubs de balonmán de Cerceda e Ribeira son froito da Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación da Coruña.

A presentación oficial levouse a cabo nas propias instalacións de xogo; dando o pistoletazo de saída a esta emocionante edición.