As seleccións galegas infantil, cadete e xuvenil masculinas e femininas participarán no Campionato de España de Seleccións Territoriais que se celebrarán en Santander (Cantabria) entre os días 2 e 7 de xaneiro. Os combinados galegos viaxan coa máxima ilusión despois de varios meses de traballo preparando esta importante cita, que rematou esta fin de semana cunha última concentración en Marín e A Estrada.
A expedición galega está formada por máis de 130 persoas (96 deportistas, 18 técnicos, 8 árbitros, 3 fisioterapeutas, 1 médico, 4 directivos e 3 fotógrafos), que viaxan esta tarde cara a Santander en tres autobuses dende Vigo, Pontevedra e A Coruña.
A competición comezará o día 2 e as seleccións galegas terán o seguinte calendario:
Infantil feminino. As minigalaicas teñen un grupo durísimo, xa que se enfrontan a Comunidade Valenciana, Madrid e Cataluña, sen dúbida o grupo máis duro posible. Pese a iso, as nosas rapazas con Ana Alonso ao fronte viaxan coa maior das ilusións e sen medo a nada. A seleccionadora destacou das súas xogadoras “a ilusión e as ganas de gozar e facer gozar aos demais cun balonmán moi alegre”. Ana afirmou que a preparación foi “curta pero intensa, e chegamos con garantías ao CESA para competir en todos os partidos, a pesar da enorme dificultade do grupo”.
O primeiro partido celebrarase o día 2 contra Valencia a partir das 13:30 horas (Pavillón la Habana Vieja).
Infantil masculino. Galicia forma parte do grupo A, xunto a Asturias, Aragón e Comunidade Valenciana. Adrián Menduiña, seleccionador galego, destacou que “os chavales entenderon moi ben o que o corpo técnico lle expuxemos e iso fixo todo máis sinxelo. E acompañado de moitas ganas de vir a formar parte dunha selección galega, que sempre é un plus para os xogadores en formación”. Adrián pensa que o grupo, a priori, estará moi igualado polo que “non podemos relaxarnos nin un so segundo. Hai que pelexar cada minuto dos tres partidos porque cada gol pode valer moitísimo”.
Os infantís galegos xogarán mañá contra Asturias (11:30) no Pavillón María Pardo.
Cadete feminino. Galicia, Euskadi, Castela e León e Andalucía son os equipos que conforman o grupo B en cadete feminino. O seleccionador Adrián Pumar está contento co traballo desenvolvido: “´Éramos conscientes de que tiñamos pouco tempo, pero o esforzo que fixo a Federación permitíndonos traballar en concentracións axudou moito a afianzar o modelo de xogo e, á vez, a fortalecer as relacións entre todos os integrantes da selección. Por iso penso que foi unha boa preparación e que chegamos a Santander nun bo momento e imos dar moita guerra”.
Do seu grupo destaca o bo ambiente que “repercute positivamente á hora de traballar e, a pesar de dispor de pouco tempo para facelo, a calidade e predisposición das nenas por ser cada día un equipo mellor, fixo que cada sesión se aproveitase ao máximo”. Galicia foi prata o pasado ano nesta categoría, aínda que houbo cambio de xeración.
Galicia-Euskadi (17:30 horas), Pavillón La Cantábrica.
Cadete masculino. O grupo B está conformado por Galicia, Cataluña, Castela e León e Navarra. O técnico galego César Armán tamén se expresou satisfeito co traballo feito nestas semanas: “Foi unha boa preparación, onde puidemos traballar todo o planificado, aínda que sempre te gustaría ter máis tempo para plasmalo nos partidos”. Ademais, o equipo tivo algún que outro problema físico, pero “grazas á polivalencia do grupo puidemos buscar solucións”.
O mellor, “o grupo humano, o bo ambiente que reina nos adestramentos e o feito de que cada un dos xogadores se gañou estar no Campionato por méritos propios”. Complicado partido para os galegos para comezar, xa que se enfrontan a Cataluña.
Cataluña- Galicia (17:30 horas), Pabellón Juan de Herrera
Xuvenil feminino. Galicia terá como rivais no grupo A a Asturias, Navarra e Castela e León. O equipo técnico, con Carla Abad á cabeza, asegura sentirse satisfeito do traballo feito: “Estamos satisfeitas co grupo de 16 xogadoras que conseguimos elixir. Foi unha preparación moi dura, xa que moitas xogadoras xogan en categorías superiores, pero sabemos que iso nos vai a axudar á hora de achegar experiencia ao noso sistema de xogo”. É un grupo equilibrado, “no que case hai tantas xogadoras de primeiro ano como de segundo, que foron evolucionando ao longo das categorías grazas ás diferentes experiencias deportivas vividas. Consideramos que cada xogadora é diferente e que cada unha pode achegar o mellor de si mesma, encaixando á perfección no xogo colectivo”. O primeiro partido será contra Navarra.
Navarra-Galicia (11:30 horas), Pavillón Exterior La Albericia
Xuvenil masculino. Duro grupo para Galicia nesta categoría, con Andalucía, Madrid e Comunidade Valencia como rivais. Ademais, a preparación non foi sinxela, tal e como nos contou o seleccionador Fernando Vázquez: “tivemos imprevistos en forma de lesións, ademais de que xogadores importantes non puideron entrar nas convocatorias. Por riba, durante as concentracións houbo dous lesionados máis, un deles de gravidade (Víctor Fernández)”. Estas ausencias, “minguaron a decisión dos técnicos en canto ao número e perfís de xogadores, pero unha xeración que conta con tan bos xogadores permitiramos que, a pesar das baixas, Galicia compita en cada un dos partidos dentro dun grupo tremendamente complicado”.
Neste sentido, o corpo técnico da selección remarcou “a capacidade de superación anímica por parte do grupo tras as «perdas» por lesións graves dos seus compañeiros e amigos, á vez que a xestión deportiva que soubo realizar o persoal ante as importantes baixas. A todo iso, únese, con especial valía, o carácter competitivo do grupo e os fortes vínculos humanos despois moitos CESA disputados”.
Galicia-Madrid (13:30 horas), Palacio de Deportes de Santander.
Debes ser identificado introducir un comentario.