AUTOCARAVANAS VAN&FUN AD CARBALLAL E SAR RODAVIGO PROCLÁMANSE CAMPIÓNS DA FINAL 4 XUVENIL

Os vigueses e as redondelás ocuparan a segunda praza no sector nacional despois de proclamarse subcampións da Liga Ouro.

Fin de semana moi intensa a vivida na Final 4 de categoría xuvenil no pavillón do Loureiro en Vigo. A A.D. Carballal e a Federación Galega de Balonmán xuntaron esforzos para que todos os/as asistentes puidesen desfrutar do mellor balonmán galego nun entorno pensado para o desfrute e o entretemento. A Final 4 xuvenil contou coa presenza do seleccionador dos Hispanos, Jordi Ribera.

SEMIFINAIS

A xornada de sábado deparou as primeiras sorpresas coas disputa das semifinais femininas, onde o cuarto clasificado, a SAR Rodavigo, dobregou ao Mecalia Atlético Guardés, que viña ocupando a terceira praza na liga regular, cun axustado 20-24, as de Redondela acadaron o pase á final.

A segunda cita do día enfrontaba ao Calfrima Carballal, segundo clasificado,  e o Balonmán Chapela (5º). As de Chapela saíron a por todas, sendo conscientes de que nunha eliminatoria a partido único non hai favoritos, algo que remataron demostrando co  21-25 final, que deixaba ás locais fóra da loita pola praza no sector nacional.

Na primeira semifinal masculina, o Autocaravanas Van&Fun A.D. Carballal xogábase o manter á afección de Cabral enchufada ata o último día; o rival era o mesmo da tempada pasada, reeditando unha semifinal épica, que nesta ocasión caía para o equipo local; un 28-29 para o Autocaravanas Van&Fun A.D. Carballal.

O prato forte foi o da segunda semifinal masculina, no que o Celtamotor Reconquista de Vigo se enfrontaba ao campión da Liga Prata, o Club Cisne Colegio Los Sauces. Partido de alta voltaxe, no que o Club Cisne Colegio Los Sauces estivo gañando con solvencia, pero o tesón e a intensidade do Celtamotor Reconquista de Vigo, comandandos por un inspirado Nico Lamas, acadou un meritorio empate ao remate dos sesenta minutos. Na prórroga o encontro deu un cambio radical e os vigueses impuxéronse por un claro 35-30.

3º – 4º POSTO.

O duelo polo terceiro posto feminino enfrontou ao Calfrima Carballal e ao Mecalia Atlético Guardés. O partido estivo marcado pola igualdade, chegando ao descanso cun empate a 12 goles. Julia Lomba destacou na portería do Guardés con intervencións clave, mentres que Alejandra Montenegro, xogando todo o encontro, asumiu galóns no ataque vigués. Carballal soubo repoñerse e levou o partido á prórroga. Neste último tramo do encontro, Vera, na portería guardesa, realizou unha excelente actuación que permitiu ao Mecalia Atlético Guardés facerse coa vitoria.

Na categoría masculina, o Embutidos Lalinense medíase a un Club Cisne Colegio Los Sauces moi mermado de efectivos. O equipo de Lalín mostrou a súa superioridade dende o comezo, chegando ao descanso cunha vantaxe de 14-9.

Foi un encontro no que houbo moitas rotacións, especialmente por parte do  Embutidos Lalinense e no que o Club Cisne Colegio Los Sauces chegaba con menos descanso tras disputar unha intensa prórroga na semifinal do día anterior. A pesar diso, houbo espazo para os detalles individuais, con Enzo e Marco, cadetes de primeiro ano, deixando mostras do seu talento tanto en defensa como en ataque, amosando o seu descaro e capacidade para competir a un alto nivel. Finalmente 27-23 a prol dos lalinenses.

FINAIS

A SAR Rodavigo comezou moi enchufada, celebrando cada acción e mostrando un nivel defensivo altísimo. Na portería do Balonmán Chapela, Naia atallou balóns clave para manter ao seu equipo na loita. As afeccións de ambos equipos fixeron do pavillón do Loureiro unha auténtica festa, tinguindo as bancadas de verde e vermello.

No minuto 40, a SAR dominaba o partido cunha vantaxe de 8 goles, pero o Chapela non se deu por vencido e pouco a pouco foi reducindo a diferenza ata deixala en 5 goles no minuto 55. Con todo, o tempo non foi suficiente para completar a remontada, e a SAR Rodavigo proclamouse campioa cun resultado final de 30-25.

O Autocaravanas Van&Fun AD Carballal comezou moita intensidade, acadando un parcial de 4-0 . O Celtamotor Reconquista de Vigo non acadou anotar o seu primeiro gol ata o minuto 5 de partido. Carballal xogaba co factor cancha ao seu favor e viuse arriba dende o primeiro minuto; na metade da primeira parte o marcador xa mostraba unha diferenza de 5 tantos (8-3). No minuto 25, o Reconquista baixou a diferenza a tan só dous tantos. A segunda metade foi completamente diferente da primeira e mantívose a igualdade no marcador dende o seu inicio. Yago López e Nico Lamas capitanearon os seus equipos. Nos últimos 10 minutos, ao Celtamotor Reconquista de Vigo fóronlle fallando as forzas; a prórroga do día anterior pasoulles factura e o cansazo fixo mella nos últimos intres do partido. Partido moi igualado que terminou cun marcador cunha diferenza de 6 goles a favor do Carballal, que non reflicte o realmente vivido nesta final. O final 31-25 a favor do equipo local.