CANGAS DÁ O PISTOLETAZO DE SAÍDA Á TERCEIRA EDICIÓN DA COPA 5X5 DE BALONMÁN NA RÚA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Copa 5×5 regresa cunha nova edición que percorrerá Cangas, Poio e Vigo, consolidándose como unha das grandes iniciativas de promoción do balonmán base.

A Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación de Pontevedra 2026 xa está en marcha. Na tarde deste venres tivo lugar a presentación oficial da terceira edición deste circuíto impulsado pola Federación Galega de Balonmán, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, nun acto celebrado nas instalacións situadas pista exterior do Paseo Marítimo de Cangas, escenario da primeira sede da competición.

A presentación serviu para dar o pistoletazo de saída a unha nova edición dun proxecto que continúa medrando ano tras ano e que volverá levar o balonmán ás rúas da provincia, convertendo espazos públicos en auténticas pistas de xogo e convivencia.

CANGAS ABRE UN CIRCUÍTO QUE PERCORRERÁ TRES LOCALIDADES

A edición de 2026 arrancará en Cangas, onde a competición se desenvolverá dende hoxe, venres 11 de setembro, ata o domingo 13 de setembro, antes de continuar o seu percorrido polas seguintes sedes de Poio e Vigo, que será a encargada de poñer o broche final ao circuíto.

A Copa 5×5 mantén o seu formato pensado para achegar o balonmán aos máis pequenos e pequenas, fomentando a práctica deportiva nun ambiente dinámico, participativo e accesible para todas as familias.

A competición está dirixida ás categorías benxamín e alevín, con equipos mixtos, converténdose nunha oportunidade para que nenos e nenas desfruten do balonmán nun escenario diferente ao habitual, ao aire libre e no corazón das localidades que acollen cada proba.

O COMPROMISO DAS INSTITUCIÓNS CO DEPORTE BASE

No acto participaron Luisa Sánchez, vicepresidenta e deputada de Deportes da Deputación de Pontevedra; Araceli Gestido, alcaldesa de Cangas; Bruno López Molina, presidente da Federación Galega de Balonmán; Eugenio González, concelleiro de Deportes do Concello de Cangas; ademais de representantes de diferentes clubs da comarca.

Durante as intervencións, as distintas autoridades destacaron o valor desta iniciativa para seguir achegando o deporte á cidadanía e promovendo hábitos saudables entre a infancia.

Desde a Deputación de Pontevedra púxose en valor a aposta da institución por continuar sendo a provincia do deporte, apoiando proxectos que levan a práctica deportiva a todos os recunchos da provincia e consolidando eventos que fomentan a participación e a convivencia.

Pola súa banda, Bruno López agradeceu o apoio constante da Deputación de Pontevedra, subliñando que a colaboración institucional permite que a Copa 5×5 continúe medrando e chegando a novas localidades. O presidente da Federación destacou tamén que este formato é unha oportunidade para sacar o balonmán dos pavillóns e facelo visible en espazos públicos, achegándoo a novas familias e futuros xogadores e xogadoras.

O Concello de Cangas tamén amosou a súa satisfacción por ser a sede que inaugura o circuíto, reafirmando o seu compromiso coa promoción do deporte e coa celebración de actividades que dinamizan a vila.

UN CIRCUÍTO QUE SEGUE MEDRANDO

A Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación de Pontevedra naceu en 2024 coa vocación de promocionar o balonmán base e crear espazos de participación arredor deste deporte. Dúas edicións despois, o proxecto continúa consolidándose como unha das iniciativas máis destacadas de promoción deportiva da Federación Galega de Balonmán.

Ao longo das tres sedes, centos de nenos e nenas volverán encher as pistas instaladas en espazos emblemáticos da provincia, convertendo cada parada nunha auténtica festa do balonmán.

As inscricións para as próximas sedes do circuíto continúan abertas a través da web oficial da competición 5x5pontevedra.fgbalonman.com

Desde a Federación Galega de Balonmán queremos agradecer a colaboración da Deputación de Pontevedra, cuxo apoio fai posible, un ano máis, a celebración da Copa 5×5 de Balonmán na Rúa, así como ao Concello de Cangas pola súa implicación na organización da primeira parada do circuíto e aos clubs da comarca pola súa participación neste inicio de competición.