DEFINIDOS OS EQUIPOS CANDIDATOS A GAÑAR A SUPERCOPA GALICIA E A COPA GALICIA A VINDEIRA FIN DE SEMANA EN VILAGARCÍA DE AROUSA

A Fase Final da Supercopa e Copa Galicia disputarase o domingo 7 de setembro en Vilagarcía de Arousa e terá o seu acto de presentación o xoves día 4 ás 13:30 horas na Casa do Concello.

O complexo deportivo Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa) será o escenario no que os diferentes combinados loitarán pola hexemonía do balonmán galego.

A Fase Final da Copa Galicia e da Supercopa Galicia ofrece un día completo do mellor balonmán galego:

  • 11:00 Hrs. Final Copa Galicia Feminina: A.D. Carballal – Helvetia Saeplast Cañiza.

Reedición da final de Copa Galicia das dúas últimas tempadas, onde o A.D. Carballal, facendo honra do seu papel de favorito, en ambas ocasións se fixo co título galego. O Helvetia Saeplast Cañiza presentase á cita cun equipo confeccionado para loitar polos obxectivos máis altos; o contexto augura un encontro cheo de igualdade.

  • 13:00 Hrs. Final Copa Galicia Masculina: Valinox Novás – Lirón Teucro 80 Aniversario.

A final da Copa Galicia Masculina enfronta a dous dos conxuntos favoritos do Grupo A de Primeira Nacional. O Valinox Novás despois de gañar a pasada edición da Supercopa e de realizar unha pretempada moi alentadora, acude á vila arousana cun proxecto novo que o coloca entre os claros candidatos ao título ligueiro; mentres que o Lirón Teucro, o club vicedecano do balonmán nacional, tratará de poñer o colofón ao seu oitenta cumpreanos celebrando o primeiro alirón da tempada.

  • 14:30 Hrs. Cerimonia Entrega de premios Copa Galicia.
  • 17:00 Hrs. Final Supercopa Galicia Masculina: Club Cisne Colegio Los Sauces – Frigoríficos del Morrazo Balonmán Cangas.

O Cisne Colegio Los Sauces volve dous anos despois á final da competición máis prestixiosa do balonmán galego, cun equipo moi novo en idade e moi maduro no seu estilo de xogo, tratará de sorprender a un Frigoríficos del Morrazo Balonmán Cangas que busca ultimar a súa posta a punto de cara ao inicio da Liga Asobal. O conxunto cangués, máis galeguizado que a tempada pasada e baixo o timón de Quique Domínguez, tratará de facer valer o seu papel de favorito.

  • 19:00 Hrs. Final Supercopa Galicia Feminina: Conservas Orbe Zendal Bm. Porriño – Mecalia Atlético Guardés.

O derbi do balonmán galego por excelencia pechará a xornada da Supercopa Galicia. O Conservas Orbe Zendal Bm. Porriño e o Mecalia Atlético Guardés chegan a esta cita despois de desputar a primeira xornada de liga. As guardesas manteñen gran parte do bloque da tempada pasada, mentres que as de O Porriño presentan un equipo renovado co que Isma Martínez tratará de mellorar o papel da pasada campaña. Este encontro garante emoción, igualdade e pasión para as persoas amantes do balonmán.

  • 20:30 Hrs. Cerimonia Entrega de premios Supercopa Galicia.

As entradas para a A Copa e Supercopa Galicia poderán adquirirse a través da plataforma Cluber, na páxina web da Federación Galega de Balonmán, ou o día do evento na propia taquilla. As persoas menores de 16 anos terán acceso gratuíto, mentres  que o prezo único para maiores de 16 anos será de 10€ con dereito a presenciar os catro partidos.

O club local contará cunha cantina exterior preparada para dar soporte a todos os afeccionados e afeccionadas durante o terceiro tempo; polo tanto, o plan perfecto para a xornada de domingo é o de pasar o día en Vilagarcía de Arousa.

As dúas competicións poderán seguirse tamén en directo a través da canle de youtube da Federación Galega de Balonmán.