As seleccións galegas xa coñecen aos seus rivais de cara ao CESA 2024. O mércores ás doce da mañá, na sede da Real Federación Española de Balonmano, en Madrid, tivo lugar o sorteo que determinou cal será o camiño a percorrer polos diferentes combinados de cara ao Campionato de España de Selecciones Autonómicas que terá lugar do 2 ao 7 de xaneiro en Cataluña.
A priori, a selección infantil masculina, dirixida por Adrián Menduíña, Carlos Rodríguez e Álex Seijo terá que competir no grupo máis complicado, integrado por Castela e León, Cataluña e Andalucía; todo un reto para un combinado que nos últimos anos está a competir de xeito exemplar en todos e cada un dos encontros que afronta.
O combinado infantil feminino de Elena Estévez, Daniela Savic e Alberto Rodríguez terá que superar a Canarias, Castela a Mancha e Cantabria; todo parece indicar que será un grupo moi parello en canto a nivel, o factor físico poderá ser determinante.
Carla Abad, Diego Rodríguez e Nerea Bouzón coa selección cadete masculina tampouco terán un camiño doado, Castela e León, Castela A Mancha e Comunidade Valenciana serán os primeiros rivais para os galegos, un grupo que non será doado e que porá a proba o nivel dun dos equipos máis equilibrados da expedición galega.
Paco Aguiar, Gerard Conill e Ricardo Rodríguez coa selección cadete feminina terán un inicio de campionato moi esixente; Cataluña, Aragón e Navarra, tres enfrentamentos nos que conseguiremos ver o verdadeiro nivel do noso combinado.
As seleccións xuvenís partirán da Copa de España, co obxectivo claro de acadar o ascenso, as de Jose Luis Pedreira «Budi», Anxo Otero e Lidia Rodiles terán coma rivais a Asturias, La Rioja e Aragón, tres seleccións que de seguro levarán ao límite ás galegas, xa que neste formato non hai rival feble.
Os de Fernando Vázquez, Jose Antonio Varela «Pincho» e Brais Caneiro están encadrados nun grupo de tres equipos, con Murcia e Cantabria, dúas seleccións que xa amosaron a súa competitividade os anos anteriores e que non permitirán nin a máis mínima relaxación por parte dos nosos.
Esta fin de semana as Seleccións Galegas terán o seu primeiro exame de cara ao CESA 2024, os combinados de Porto e Asturias porán a proba o nivel galego en Pontevedra e Viveiro respectivamente.