O Lalín Arena foi testemuña dunha vitoria emocionante ante Serbia e prepárase para o partido de volta no Spens Arena.
Onte mércores 8 de maio, o Lalín Arena converteuse no escenario dun emocionante enfrontamento entre os Hispanos, a selección absoluta de balonmán masculino, e Serbia. O partido, que marcou a ida da clasificación para o Mundial 2025, foi seguido con gran expectación polos afeccionados.
A pesar de ser un día entre semana, o pavillón estaba ata a bandeira de xente, cunha gran presenza de familias, nenos e nenas que non quixeron perderse este importante encontro. Desde o inicio do partido, a afección non deixou de animar, enchendo o ambiente de enerxía e emoción.
O encontro estivo cheo de momentos destacados. España, liderada por xogadores como Rodrigo Corrales, natural de Cangas, quen disputou uns minutos no encontro, mostrou unha gran versión que deleitou á súa afección. Por outro lado, Dani Fernández, cangués de adopción, destacouse pola súa entrega na pista e a súa capacidade para levantar á afección cada vez que anotaba ou recuperaba un balón.
O resultado final do partido foi de 32-28 a favor de España, o que lle outorga unha vantaxe de +4 para o partido de volta en Serbia. Durante o último minuto do encontro, a emoción alcanzou o seu punto máximo, coa afección sen sentarse nin deixar de aplaudir, incluso durante o tempo morto que se produciu neses intres.
Este evento foi posible grazas á colaboración dos organismos públicos, entre eles a Deputación de Pontevedra, o Concello de Lalín e a Xunta de Galicia, que traballaron en conxunto coa Federación Galega de Balonmán. O seu apoio permitiu que miles de espectadores desfrutasen dun espectáculo deportivo de alto nivel.
Ademais, o ambiente festivo non só se viviu dentro do pavillón, senón que o impacto económico e social deste evento foi significativo para a localidade e para o club, promovendo aínda moito más o noso deporte.
Desde a Federación Galega de Balonmán, queremos agradecer a todos os que fixeron posible este encontro que quedará marcado na historia e agardamos ver pronto de novo aos Hispanos polas nosas terras, e encher de alegría e paixón cada un dos seus partidos.
Por último, recordar que o partido de volta terá lugar o domingo 12 de maio ás 17:00h no Spens Arena (Serbia), onde os Hispanos buscarán manter a vantaxe e clasificarse para o Mundial 2025.