EXPOURENSE ACOLLE ESTA FIN DE SEMANA A GRAN FESTA DO BALONMÁN OURENSÁN COA XLIII COPA DEPUTACIÓN OURENSE

O torneo reunirá aos seis clubs da provincia nunha intensa fin de semana de competición que combinará minibalonmán, categorías de base e encontros sénior no recinto feiral de Expourense.

O balonmán ourensán volverá vivir esta fin de semana unha das súas citas máis emblemáticas coa celebración da XLIII Copa Deputación de Ourense, unha competición organizada coa colaboración da Deputación de Ourense e da Federación Galega de Balonmán que converterá Expourense no gran punto de encontro do deporte provincial.

A edición deste ano reunirá aos seis clubs que actualmente representan ao balonmán ourensán: o Club Balonmán Miño, Club Balonmán Milenio Ourense, Escola Balonmán Ribadavia, Club Deportivo Cultural Ribeiro, Asociación Deportiva Balonmán Carballiño e Club Balonmán Cidade das Burgas, nunha fin de semana marcada pola convivencia, a competición e a promoción do balonmán en todas as categorías.

A competición arrancará xa este venres coa disputa de dous encontros correspondentes ás semifinais da categoría infantil masculina, servindo como previa dunha intensa xornada principal que se desenvolverá o sábado 30 de maio no recinto feiral de Expourense.

O sábado pola mañá será a quenda do minibalonmán, cun programa que se estenderá dende as 09:40 ata as 14:00 horas e que reunirá a numerosos equipos das categorías de formación nun ambiente pensado para o desfrute, a participación e a aprendizaxe deportiva. Ao remate desta sesión matinal terá lugar a entrega de premios e medallas para todos os participantes.

Xa pola tarde, a partir das 15:00 horas, a competición continuará coas categorías de infantil a sénior, que decidirán os diferentes títulos provinciais nun formato adaptado ao número de equipos participantes en cada categoría, combinando ligas a unha volta e eliminatorias directas. A entrega de trofeos está prevista para as 20:30 horas, unha vez rematen todos os encontros programados.

Máis aló do aspecto competitivo, a Copa Deputación de Ourense continúa consolidándose como unha das grandes celebracións anuais do balonmán provincial, poñendo en valor o traballo diario dos clubs, o compromiso das familias e o crecemento continuo do deporte na provincia.

Como antesala do evento, hoxe 28 de maio ás 18:00 horas celebrouse na Deputación de Ourense a presentación oficial da competición, nun acto no que participaron representantes institucionais: 

  • D. Manuel Pérez, Xefe do Servizo da Secretaría Xeral para o Deporte en Ourense. 
  • D. Diego Enrique Álvarez, Asesor de Política Deportiva da Deputación de Ourese.
  • D. Bruno López, Presidente da Comisión Xestora da Federación Galega de Balonmán,

 directivos dos clubs e xogadores e xogadoras das diferentes entidades participantes.

O acto contou coa presenza dos presidentes dos clubs implicados e representantes da Federación Galega de Balonmán, ademais de distintas autoridades deportivas e institucionais. A presentación serviu para coñecer as impresións dos protagonistas antes dunha nova edición dunha competición xa histórica dentro do balonmán galego.