FANTÁSTICO PAPEL DAS NOSAS SELECCIÓNS NO I TORNEO INTERNACIONAL DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Hoxe rematou o I Torneo Internacional Deputación da Coruña, que se celebrou durante tres días en Santiago de Compostela coa participación das seleccións de Galicia e Asturias das categorías infantil, cadete e xuvenil (masculinas e femininas), así como os combinados de Oporto e varios clubs galegos.

O obxectivo prioritario deste torneo era seguir avanzando coa preparación das nosas seleccións para o CESA 2023, que se celebrará do 3 ao 8 de xaneiro en Benidorm. Os resultados foron moi positivos para as seleccións galegas, que venceron en cinco categorías e so quedaron na segunda posición en infantil feminino e amosaron o bo traballo que están realizando nesta preparación do Campionato de España. Tamén hai que destacar o magnífico ambiente que se viviu nas bancadas, apoiando aos nosos rapaces e rapazas.

Infantil masculina

Na categoría infantil masculina, venceu o combinado galego tras gañar os dous partidos disputados. O venres superou con comodidade á selección de Oporto (32-24) e hoxe domingo impúxose á Asturias por 26-21. No partido do sábado, Asturias foi mellor que Oporto, nun axustado encontro (29-27).

Infantil feminina.

Foi unha categoría tremendamente igualada, tanto que, con igualdade de puntos, o gañador se decidiu por só un gol. Na primeira xornada Galicia superou a Oporto con claridade (30-16) e nese intre ninguén pensou que ese marcador sería decisivo. O sábado, Asturias gañou a Oporto por unha diferenza de quince tantos (35-20) e no partido decisivo houbo igualdade no marcador (14-14). Así, Asturias proclamouse vencedor deste torneo pola diferencia dun gol.

Cadete masculina

Foi outra das categorías máis igualadas. No primeiro partido Galicia empatou coa selección de Oporto (35-35), e no segundo encontro foi Asturias quen empatou con Oporto (29-29). Así, todo tiña que decidirse no terceiro choque entre Galicia e Asturias e aquí os galaicos, que seguen medrando no seu xogo, foron superiores (33-27).

Cadete feminina

Nesta categoría, tamén se impuxo a selección galega que venceu os dous partidos disputados. En primeiro lugar superou a Oporto (23-21) e hoxe deu conta de Asturias (27-16), nun partido que estivo moi igualado na primeira parte e que se decidiu na segunda. Hai que destacar que a selección portuguesa logrou gañar a Asturias con claridade (19-29).

Xuvenil masculina

O título tamén foi para a selección galega que venceu a Asturias (24-23). Foi un choque moi axustado e disputado, que finalmente caeu a favor dos galegos. O venres, Galicia tamén disputou un partido amigable contra o Rasoeiro (32-22), cun novo triunfo que serve para seguir medrando na preparación do CESA.

Xuvenil feminina

Por último, destacar o triunfo de Galicia en xuvenil feminino, nun partido dominado de principio a fin ante Asturias (32-22). Con anterioridade, o venres, Galicia gañou ao Reconquista, nun encontro amigable (41-28).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *