GALICIA CONSOLÍDASE COMA POTENCIA DO BALONMÁN BASE NO CESA 2026

Entre o 3 e o 8 de xaneiro, Cataluña converteuse no epicentro do balonmán base estatal coa celebración do CESA 2026, unha cita na que Galicia confirmou o seu salto definitivo de calidade ao rematar como segunda comunidade con mellores resultados globais. Un balance que non é casualidade, senón consecuencia directa dunha evolución sostida nos últimos anos en termos de competitividade, estrutura e base social.

O rendemento das seleccións galegas foi reflexo dun balonmán que medra desde abaixo e que compite sen complexos fronte ás grandes potencias. O mellor resultado chegou da man da selección xuvenil masculina, dirixida por Luis Montes, que asinou un histórico segundo posto. O equipo partiu desde a Copa de España, logrou o ascenso e mantívose imbatido ata a final, na que caeu fronte a Cataluña tras un percorrido exemplar que confirma o enorme potencial desta xeración.

Tamén destacou a selección cadete masculina, adestrada por Carla Abad, que se fixo cun meritorio terceiro posto tras superar con claridade a Andalucía no partido polo bronce. Un día antes, Galicia disputara unha auténtica final anticipada ante Cataluña, nun encontro decidido por mínimos detalles e no que os galegos ofreceron unha actuación épica, cunha dirección impecable que levou á selección anfitrioa ao límite.

As seleccións infantís, tanto masculina como feminina, remataron en cuarta posición, a un paso do podio. Ambas realizaron unha excelente primeira fase, pero non tiveron o seu mellor día nas semifinais. Xa na loita pola medalla de bronce, Galicia caeu ante Andalucía na categoría masculina e fronte a Cantabria na feminina, en dous encontros moi esixentes resoltos por pequenos detalles.

cadete feminina cumpriu o primeiro gran obxectivo ao conseguir o ascenso, aínda que a partir dese momento o rendemento estivo por debaixo do esperado, pechando a súa participación nun oitavo posto. Pola súa banda, a xuvenil feminina logrou a permanencia nun grupo de máxima dificultade, competindo con personalidade e chegando a disputar os cuartos de final ante Cataluña, para finalizar tamén na oitava posición.

O presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, destacou ao remate do campionato que “estes resultados non son un teito, senón unha confirmación de que estamos no camiño correcto”. “O crecemento do balonmán galego é evidente: temos máis practicantes, máis nivel competitivo e cada vez máis visibilidade e afección. Todo isto é froito do traballo silencioso e constante dos clubs, dos corpos técnicos e do colectivo arbitral, que están a facer unha labor extraordinaria”, sinalou.

O CESA 2026 confirma a boa liña de traballo do balonmán galego. Os resultados acadados son froito dun proxecto sólido e continuado, baseado na coordinación entre clubs, corpos técnicos e federación, e reforzan o compromiso de seguir mellorando a formación, a competitividade e a proxección do balonmán en Galicia.