GALICIA PRESÉNTASE EN CATALUÑA SEN COMPLEXOS: SEIS SELECCIÓNS EN CUARTOS DE FINAL

O balonmán galego asina un fito histórico en Cataluña ao meter ás seis seleccións nos cuartos de final.

Galicia volve escribir unha páxina dourada no balonmán estatal. No CESA 2026 que se está a celebrar en Cataluña, as seis seleccións galegas lograron a clasificación para os cuartos de final, un logro ao alcance de moi poucas comunidades e que nesta edición só Galicia e a anfitrioa Cataluña poden exhibir.

O éxito ten múltiples lecturas, todas elas positivas. As seleccións xuvenil masculina e cadete feminina protagonizaron unha das grandes noticias do campionato ao conseguir o ascenso desde a Copa, confirmando unha progresión sólida e chea de ambición. Pola súa banda, o resto das seleccións galegas superaron con solvencia a primeira fase, demostrando regularidade, carácter competitivo e un alto nivel colectivo.

Máis alá dos resultados, o rendemento global das seleccións evidencia a boa saúde do balonmán galego, sustentado no traballo de base dos clubs, no compromiso do persoal técnico e no talento dunha xeración que compite sen complexos demostrando que se atola entre as mellores canteiras do Estado.

Este mércores, Galicia buscará seguir facendo historia nuns cuartos de final de máxima esixencia, cos seguintes enfrontamentos:

  • Infantil Masculina: Aragón (15:45 hrs. en Blanes Pista Vermella)
  • Infantil Feminina: Castela e León (11:15 hrs. en Malgrat del Mar)
  • Cadete Masculina: Comunidade de Madrid (17:30 hrs. en Calella)
  • Cadete Feminina: Cataluña (13:00 hrs. El Molí 1)
  • Xuvenil Masculina: Andalucía (17:30 hrs. Blanes Pista Vermella)
  • Xuvenil Feminina: Cataluña (13:00 hrs. Blanes Pista Azul)

Seis partidos, seis retos e unha mesma ilusión: levar o nome de Galicia o máis alto posible. Pase o que pase, o balonmán galego xa deixou clara unha mensaxe en Cataluña: Galicia compite, cre e ten un gran presente e futuro.