GRAZAS JUAN DE DIOS ROMÁN!

Ligas, Copas do Rei, medallas en Europeos e Xogos Olímpicos… Méritos deportivos, todos, pero Juan de Dios Román é moito máis. Juan de Dios fixo todo e máis no balonmán: Foi xogador, aínda que el aseguraba que foi mediocre; foi adestrador, e aí foi o mellor e o amosouno tanto ao fronte de clubs (Atlético de Madrid ou Ciudad Real) como na selección española, xa que con el chegaron os primeiros éxitos do combinado nacional. Pero tamén foi dirixente e durante catro anos estivo ao fronte da Real Federación Española de Balonmán. E foi comentarista de televisión e parece que aínda o escoitamos narrar os partidos de España con paixón. E foi director deportivo, e foi profesor… E foi amigo, amigo do balonmán e de todos os que aman este deporte; amigo do balonmán galego, onde aseguraba sentirse querido e como en casa, e onde viña sempre que se lle pedía, cun sorriso e con ganas de sumar.

En Galicia ten e terá un campus co seu nome e durante moitos anos, a súa visita era a máis esperada, pero non só polos participantes, senón tamén polos monitores e por toda a familia da Federación Galega de Balonmán, para os que sempre tiña boas palabras e un xesto de cariño.

Dende hai uns anos loitaba cun cancro e en xaneiro de 2018, na súa última visita a Galicia, tiña que ser nesta terra, recibiu a homenaxe de todo o balonmán español en agradecemento a unha vida dedicada a un deporte que nunca poderá esquecelo. Hoxe Juan de Dios Román deixounos físicamente, pero a súa figura permanecerá viva en todas e todos nós. En Galicia seguiremos rendéndolle homenaxe cada verán, cando celebremos o Campus Juan de Dios Román, e miraremos ao ceo e dirémoslle: Isto é posible grazas a ti! GRAZAS JUAN DE DIOS ROMÁN!!

Debes ser identificado introducir un comentario.