Hai noticias que nunca nos gustaría dar: falece Pablo Permuy, referente do balonmán galego e estatal

Hai noticias que nunca nos gustaría dar e feitos que nunca deberían acontecer. Esta madrugada deixounos Pablo Permuy Villanueva, expresidente do Comité Galego e Nacional de Árbitros, exárbitro internacional e un dos grandes referentes do noso balonmán.

Permuy desenvolveu unha dilatada traxectoria de máis de dúas décadas no mundo da arbitraxe. Foi árbitro internacional, presidente do Comité Galego de Árbitros e máis tarde do Comité Técnico de Árbitros da Real Federación Española de Balonmano, posto dende o que traballou incansablemente pola mellora e profesionalización da arbitraxe no noso país. A súa implicación e dedicación convertérono nun referente tamén a nivel formativo, acompañando a xeracións de árbitros e árbitras na súa evolución.

O seu labor non se limitou ás pistas: tamén estivo vinculado á vida política e social da súa cidade, Lugo, onde exerceu como concelleiro.

Dende o balonmán galego queremos enviar unha aperta forte á súa familia e amizades, en especial ao seu fillo Jacobo, que formou parte do colectivo arbitral e tamén do estamento de xogadores durante varios anos.

D.E.P. Pablo, o balonmán galego queda sen unha parte importante da súa historia. O seu legado seguirá vivo no respecto, no esforzo e no amor por este deporte que sempre defendeu.