Conservas Orbe BM Porriño e Mecalia Atlético Guardés ofrecerannos (mañá 11 de xaneiro, 16:15 horas, TVG-2) o derbi feminino galego por excelencia, entre os dous clubs galegos que militan na Liga Guerreiras Iberdrola e que tempada a tempada amosan a súa fiabilidade con dous proxectos distintos e brillantes en ambos casos.
Será un partido moi especial para todos: Afección, clubs, xogadoras… e de forma moi especial para algunhas das protagonistas, como é o caso de Anthía Espiñeira e Lorena Pérez.
Anthía Espiñeira chegou esta tempada ao BM Porriño despois de cinco anos militando no Guardés. Así nolo explica a xogadora: “Claro que é un partido especial. No Guardés estiven 5 anos e lle teño moito cariño ao club, onde me `criei´ a nivel profesional e onde teño moitísimos recordos e moitas compañeiras e amigas”.
Do Guardés destaca que teñen moi boas xogadoras e «un equipo moi competitivo, que ademais está a facer unha boa campaña. Debemos ter coidado co seu xogo en primeira ondada”.
A pesar da diferenza que hai na clasificación -BM Porriño é noveno e Guardés, terceiro- , as locais enfrontan o choque con moitísima ilusión, “Un derbi sempre é un partido moi bonito de xogar, e ademais sabemos a importancia que teñen estes dous puntos para nós”.
E se Antía naceu profesionalmente no Guardés, que dicir de Lorena Pérez, que estivo máis dunha década no Porriño, onde foi capitana. Por iso non oculta que “xogar en Porriño faime ilusión por volver á que foi a miña casa tantos anos, pola xente que está e a que teño moito cariño. Teño amigas alí. Ademais, é un derbi con todo o que implica iso, a xente que move e o importante que é para Galicia e o bonito que é para min como galega”.
Lorena pensa que o Porriño ten unha gran plantilla, que necesita puntos e “xoga na casa, o cal sempre é un factor importante”.
Para o Guardés, a de mañá é unha cita importante, explicou Lorena: “Chegamos con moitas ganas e ilusión. O equipo está traballando moi ben e temos ganas de comezar o ano con dous puntos e poder seguir metidas na pelexa polos postos de arriba”.
Sábado 11 de xaneiro (16:15 horas, Pavillón Municipal do Porriño) TVG-2
Debes ser identificado introducir un comentario.