Máis de 1.200 deportistas, máis de 100 equipos e máis de 300 partidos converteron a Praia de San Francisco no epicentro do balonmán praia galego durante catro días de competición.
Muros despediu este domingo catro intensas xornadas de balonmán praia tras acoller con éxito o Torneo Clasificatorio Arena 1000 Deputación da Coruña, unha competición que reuniu a máis de 1.200 deportistas e máis de 100 equipos na primeira gran cita oficial desta modalidade celebrada na provincia da Coruña.
Organizado pola Federación Galega de Balonmán, coa colaboración do Concello de Muros e o patrocinio da Deputación da Coruña, o torneo desenvolveuse con absoluta normalidade, disputándose máis de 300 encontros nas catro pistas habilitadas na Praia de San Francisco. O elevado nivel deportivo, a importante afluencia de público e o excelente ambiente vivido durante toda a fin de semana consolidaron esta primeira edición como un rotundo éxito organizativo e deportivo.
A competición supuxo tamén un fito para o balonmán praia galego ao converterse na primeira proba oficial desta modalidade celebrada na provincia da Coruña, situando a Praia de San Francisco como escenario dunha das citas máis relevantes do calendario nacional.
Durante os catro días de competición, centos de afeccionados achegáronse ata a Praia de San Francisco para seguir os encontros, contribuíndo a crear un gran ambiente nas instalacións e xerando un importante impacto económico para Muros e a súa contorna. A elevada ocupación de hoteis, apartamentos turísticos, establecementos hostaleiros e comercio local puxo de manifesto o valor que teñen este tipo de eventos para a dinamización do territorio.
No plano deportivo, o torneo permitiu decidir as prazas para o Arena 1000 de Cádiz, última parada do Arena Handball Tour antes do Campionato de España, ofrecendo encontros de gran nivel en todas as categorías e confirmando o excelente momento que atravesa o balonmán praia galego.
A entrega de premios celebrouse na tarde do domingo coa presenza de María del Mar García, deputada provincial responsable das áreas de Política Social, Urbanismo e Mocidade; Damián Torea, concelleiro de Deportes do Concello de Muros; e Aurelio F. Barreiro, membro da Comisión Xestora da Federación Galega de Balonmán, quen felicitaron aos equipos participantes polo seu rendemento e agradeceron o traballo desenvolvido por todas as persoas que fixeron posible o éxito organizativo do evento.
EQUIPOS CLASIFICADOS PARA O ARENA 1000 DE CÁDIZ
Senior feminina
- Veba Baywatch Puppy’s
Senior masculina
- Balonmano Playa Painkillers
Xuvenil feminina
- Balonmano Playa Anubia Petanca
- Area Bueu
Xuvenil masculina
- Balonmano Playa Petanca
- Area Bueu
Cadete feminina
- Veba Agua Dos Chata
- Balonmano Playa Petanca B
Cadete masculina
- Balonmano Playa Magaluf Petanca
- Area Bueu Portomaior
Infantil feminina
- Balonmano Playa Petanca
- Area Bueu Lagos
Infantil masculina
- Veba A Jradiña Iberport
- Area Bueu Portomaior
Na categoría alevín mixta, de carácter non clasificatorio para o Arena 1000, o podio quedou composto por Area Bueu Cela, Balonmán Porriño Praia e Area Bueu Beluso, poñendo o broche a unha competición que tamén volveu evidenciar o gran traballo de formación que realizan os clubs galegos.
Co remate desta primeira edición, o Torneo Clasificatorio Arena 1000 Deputación da Coruña consolídase como unha cita de referencia dentro do calendario autonómico de balonmán praia. O éxito organizativo e deportivo desta estrea na provincia da Coruña reforza o compromiso da Federación Galega de Balonmán, da Deputación da Coruña e do Concello de Muros coa promoción do deporte, a dinamización do territorio e a organización de eventos de primeiro nivel, abrindo ademais a porta a futuras edicións nun escenario que respondeu de maneira excelente tanto dentro como fóra da area.
















