NARÓN PECHA UNHA NOVA SEDE DA COPA 5X5 DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA CUN GRAN AMBIENTE E PARTICIPACIÓN 

A Copa 5×5 de Balonmán na Rúa da Deputación da Coruña completou esta fin de semana unha nova parada no Concello de Narón, onde pequenos e pequenas deportistas gozaron dun evento marcado polo bo ambiente, a diversión e a alta participación, a pesar de que a xornada comezou con chuvia.

O espírito da competición mantívose intacto durante todo o fin de semana, coa grada animada por familias e amizades que non quixeron perderse a cita, enchendo o espazo de apoio e entusiasmo. Un ambiente que, unha vez máis, reforzou o valor desta iniciativa como ferramenta de promoción do deporte base e de convivencia a través do balonmán.

Durante a competición, o Club Balonmano Narón colaborou activamente co desenvolvemento da actividade, contribuíndo a que o evento funcionase á perfección e se convertese nunha auténtica festa deportiva. Desde a Federación Galega de Balonmán agradecemos de maneira especial ao Concello de Narón pola súa implicación e, por suposto, á Deputación da Coruña, cuxo apoio é fundamental para facer posible este proxecto e seguir achegando o balonmán ás rúas da provincia.

A Copa 5×5 continúa agora o seu percorrido e fará a súa seguinte parada en Cedeira, entre o 27 e o 30 de novembro, onde esperamos repetir o éxito de participación e ambiente vivido na anterior edición.