NEGREIRA DESPIDE A COPA 5X5 CUN GRAN AMBIENTE E MOITO BALONMÁN NA RÚA

A Copa 5×5 de Balonmán na Rúa puxo este domingo o punto e final á súa parada no Concello de Negreira, deixando atrás unha fin de semana chea de diversión, deporte e participación. Multitude de rapaces e rapazas encheron as instalacións coas súas camisetas, balóns e sorrisos, demostrando que o balonmán tamén se pode desfrutar fóra dos pavillóns.

Durante estes días, a localidade converteuse nun auténtico punto de encontro para familias, veciños e afeccionados, que se achegaron a animar e formar parte dunha actividade que busca achegar o deporte a todas as idades, nun formato aberto, festivo e accesible.

A organización destaca o gran ambiente e implicación tanto dos equipos inscritos como dos nenos e nenas que se animaron a participar ao longo do evento, unindo deporte, música e convivencia en perfecta harmonía.

Federación Galega de Balonmán quere agradecer ao Concello de Negreira e á Deputación da Coruña a súa colaboración e apoio, facendo posible que o balonmán siga chegando a cada vez máis vilas da provincia.

E isto non remata aquí: a Copa 5×5 continúa o seu percorrido pola provincia da Coruña, e a próxima parada será no Concello de Narón, entre o 17 e o 19 de outubro, onde xa se prepara unha nova fin de semana chea de xogo, ledicia e balonmán para todos e todas.

Porque a Copa 5×5 é moito máis ca deporte, é convivencia, inclusión e diversión compartida.
Vémonos en Narón!