No Día do Pai a Federación Galega de Balonmán quere homenaxear a todos os país que levan aos seus fillos a adestrar, que acoden aos partidos, que os animan nos malos momentos, que viven as súas alegrías e tristezas… Aos país do balonmán galego. Buscamos unha familia que representase a todos eses e a atopamos!! En Lalín, a familia dos Pedreira son o mellor exemplo: O avó Román, os fillos José Luis (Budi), Pablo e Pilar e os netos José, Román, Celia, Luís, Ana, Miguel e Simón… Imos coñecer á familia Pedreira, de segundo apelido Balonmán!
Román Pedreira Vilariño, 75 anos, foi directivo e presidente durante moitos anos. Agora di que xa só é un “seareiro incondicional”. Román explicounos que “estiven moitos anos axudando a moitas directivas. A miña afección polo balonmán empezou vendo un partido na rúa, diante da Estatua de Loriga e, a partir de aí, xa seguindo ao Cavil Oje, que era no nome que tiña daquela o Balonmán Lalín. Posteriormente entrei de presidente porque ninguén quería ser, xa que a metade dos xogadores eran de fóra e había moitos gastos. Formamos unha directiva de once membros e na primeira reunión, ao pasar dun orzamento de 3 millóns a un de 7, marcharon catro dos directivos; a partir de aí xa empezaron a xogar os fillos e dunha maneira ou outra sempre estiven vencellado ao club.
Pese aos anos que leva na grada ou nos despachos, non se cansa e segue indo ver agora aos netos: “Si, Celia, a miña muller, mais eu levamos toda a vida vendo os fillos dende que empezaron a xogar e, evidentemente, aos netos e netas. Botando contas, corenta anos detrás do Balonmán Lalín”.
José Luís Pedreira Batán, coñecido por todo o balonmán galego como Budi, foi xogador 20 anos e actualmente é adestrador (sénior e xuvenil feminino, alevín masculino) e directivo. Recoñece que chegou ao balonmán de rebote (despois de probar no fútbol e no baloncesto e “ser moi malo”): “Chegamos ao balonmán de rebote, porque estaban intentando facer equipo de cadetes e dende aí xa non parei. Vinte anos como xogador, algún incluso como directivo e xogador, e despois xa de adestrador e directivo, no que sigo”.
Ten claro que a súa faceta favorita foi a de xogador, pero agora é feliz adestrando aos nenos e nenas. Aínda que non presionou nunca aos fillos (quizáis un pouco a Celia) a xogar ao balonmán, si que os animou a apostar por un deporte de equipo: “Eu nunca lles dixen que xogaran a balonmán, só que fixeran un deporte de equipo; pero está claro que se estaban todos os días vendo balonmán, tiña que pegárselle. Só forcei algo a máis cativa, Celia, que non quería xogar, pero dende que empezou, creo que foi a que máis se enganchou e a que viu máis partidos e vídeos de balonmán”.
Non dubida ao sinalar que significa na súa vida o balonmán: “Todo, e teño pena de non chegar a ser profesional disto, aínda que polas horas que lle teño botado e boto case podería selo, o malo, que non hai quen chas pague…”
O balonmán é parte da familia e iso, as veces une e outras… “Ás veces tamén e foco de discusións e desavinzas; agora ben, únenos moito máis do que nos pode separar; só hai que lle preguntar a Merchi, a miña muller, que leva 27 anos de “sufridora”. Está claro que a multitude de horas que pasamos xuntos en adestramentos, campionatos, viaxes… son lembranzas imborrables”.
Pablo Pedreira Batán, foi xogador (porteiro) do equipo sénior do BM Lalín durante 27 anos. Como irmán pequeno, “tiña que andar atrás de Budi, polo que pasei do fútbol ao balonmán coma el. No meu caso estiven un par de anos adestrando sen poder xogar pola idade, non había xente suficiente para formar un equipo da nosa categoría e, cando podía, xogaba os amigables cos máis maiores. Empecei con 9 anos e retireime aos 45, xoguei sempre no Lalín e dende os 13 aos 21 nas distintas categorías da selección autonómica”.
Sempre foi xogador, aínda que colaborou algo como adestrador de porteiros, pero polo momento “non é algo que me entusiasme demasiado, tamén pode ser porque hai pouco tempo que o deixei”.
Os seus fillos son pequenos, polo que non puideron velo xogar moito, pero “ven xogar aos seus primos cada fin de semana. A elección do balonmán para eles foi sinxela, simplemente naceron nel”.
Non pode entender a súa vida sen o deporte, porque “se construíu arredor do deporte, especialmente do balonmán”, igual ca da súa familia polo que “pódeste facer unha idea do que nos une a todos e é do que se fala cando nos xuntamos”.
Pilar Pedreira Batán, a máis pequena da familia, foi unha das primeiras rapazas que comezaron a adestrar en Lalín e, por suposto, afeccionada incondicional na grada seguindo aos seus irmáns e curmáns primeiro, e sobriños, parella e fillos despois.
Pilar así nolo conta: “Eu son a pequena dos tres irmáns e pasei moito tempo no pavillón esperando a que eles acabaran de adestrar, porque naquel momento non había ningún equipo feminino. Coma min había outras rapazas que seguíamos os partidos de balonmán e decidimos montar un equipo. Propuxémosllo á directiva, na que estaba meu pai, e pensaron que sería boa idea. Deses primeiros intentos de formar equipo conseguimos adestrar un par de anos, pero nunca nos federamos porque eramos de distintas idades.
A paixón polo balonmán levouna a “despois estiven dúas tempadas de 2ª adestradora cun equipo de cadetes”, pero ten moi claro que a súa faceta preferida é a de “seareira incondicional, sempre detrás dos meus irmáns, curmáns, sobriños, parella e fillos”.
Pilar ten dos fillos (Luís e Ana) que “naceron e están medrando dentro do balonmán, polo que creo que o amor por este deporte é case innato”. Así, xa están nas categorías inferiores do club e coincide cos seus irmáns en que “o balonmán está na maioría das conversas cando nos xuntamos”.
E tralos avós e país, chegan os máis novos, que, por suposto, teñen no BM Lalín a súa segunda familia.
Os fillos de Budi son José Pedreira Jordedo (24 anos, xogador do sénior masculino de Primeira Estatal), Román Pedreira Jordedo (22 anos, xogador do sénior masculino de Primeira Estatal) e Celia Pedreira Jordedo (19 anos, xogadora do sénior feminino de Primeira Autonómica).
José recoñece que comezou no balonmán aos 5 anos case por “obriga”, “xa que era unha tradición familiar e os meus tíos, pais e curmáns tamén o practicaban. Ademais, moitos dos meus amigos do colexio tamén empezaron a xogar ao balonmán, polo que pronto se converteu na miña gran afección”.
Puido ver xogar ao seu pai varios anos – “Todo o mundo me falaba da súa intelixencia táctica en ataque, aínda que neste último ciclo só recordo velo en facetas defensivas. Recordo que era un moi bo defensor, bastante “intenso”, por dicilo dunha maneira suave. Véñenme á cabeza tamén as últimas fases de ascenso do club, nas que el aínda era xogador, e ás que acudiamos toda a familia” –, pero lembra máis ao seu tío, xa que coincidiu con el no primeiro equipo varios anos – “Era un fantástico porteiro e os seus pases de contraataques eran extremadamente precisos e rápidos. Ademais, o día que estaba inspirado, gañaba partidos. Tiven a oportunidade de coincidir con el no primeiro equipo varios anos. Lémbrome de que me resultaba moi difícil meterlle un gol, sobre todo dende 9 metros” –.
Román confirma que na casa sempre nos deixaron facer o deporte que quixeramos, pero meu irmán e máis eu tiñámolo claro. Penso que foi porque ademais de mamalo dende pequeno, os nosos amigos e compañeiros de clase tamén comezaron a xogar ao balonmán”. Recorda deses inicios que “eramos os dous moi cativos, con 4 e 6 anos penso, e como non había categoría na que puidese xogar, ao principio só adestraba, morrendo de envexa do meu irmán”.
Román non se lembra do seu pai na faceta de xogador, pero si que o viviu como adestrador. Sen embargo, si que veu xogar e incluso compartiu vestiario co seu tío Pablo, igual que José.
Celia, a pequena da familia, parecía que ía tirar cara outro deporte. “A verdade é que a min non me gustaba moito o balonmán, sempre tirei cara outros deportes como patinaxe, mais resultou que ao final o meu oco estaba no balonmán. Non é estrañar que así fora, dado que que me criei, ao igual que meus irmáns, nos pavillóns. Daba igual onde xogara meu pai, meus tíos, meus irmáns… alá iamos todos xuntos; en familia. Supoño que se me decantei polo balonmán non foi unicamente por ser coma meus irmáns nin polo deporte en si, que me encanta, senón tamén por todo o que este deporte representa”.
Celia, dende moi pequena, estaba na grada vendo aos seus irmáns: “Ao principio un pouco por obriga ata que ao final rematou por encantarme. A día de hoxe son a súa maior fan. Tamén gocei moito vendo xogar a meu tío Pablo. Recordo que me fascinaba ver como pasaba os contraataques”.
Aínda que non puido ver xogar ao seu pai, recoñece que “foi quen me transmitiu o gusto polo balonmán. Tiven a fortuna de podelo observar moitos anos como adestrador de meus irmáns e a día de hoxe teño a sorte de gozalo como o meu propio. Sen dúbida, se hai algo mellor que pasalo ben nos bos momentos que nos dá este deporte, é poder compartilos con meu pai”.
Os descendentes de Pilar e Rubén Martínez (tamén xogador) son Luís Martínez Pedreira (10 anos, xogador alevín do Montefaro Lalín) e Ana Martínez Pedreira (7 anos, xogadora prebenxamín do Coreti Lalín).
Luis tamén ve a súa aposta polo balonmán como algo natural xa que “toda a miña familia xogaba e quería probar a ver se me gustaba. Gustoume moito e tiña amigos que adestraban comigo, así que quedei. Foi cando tiña catro anos e cada día gústame máis”. Case non puido ver xogar ao seu pai, porque se retirou cando el era moi pequeno, pero si puido ver un pouco máis ao seu tío Pablo.
Ana comezou a adestrar esta tempada: “Eu teño sete anos e xogo cun equipo de benxamíns feminino. Empecei a adestrar para saber se me gustaba porque case todos os meus curmáns xogaban e quedei porque me gusta moito”. Pola idade, xa non chegou a ver ao seu pai e so teu algúns recordos do tío Pablo.
Os dous máis pequenos son os fillos de Pablo, Miguel Pedreira Factor (5 anos, xogador dos biberóns Portadeza Lalín) e Simón Pedreira Factor (5 anos, xogador dos biberóns Portadeza Lalín), que naceron case nas pistas e ahí é donde están os seus amigos. Teñen cinco anos pero as ideas moi claras:
“Eu xogo ao balonmán porque van todos os meus amigos e porque quero furar”
Miguel
“Porque van os meus amigos e ademais os meus primos tamén xogan e quero ser coma eles”
Simón
Debes ser identificado introducir un comentario.