O BALONMÁN GALEGO, DE LOITO POLO FALECEMENTO DE FRAN TEIXEIRA

Hoxe temos que despedirnos do técnico, do compañeiro e do amigo. Despois de máis de tres anos de loita contra o cancro, Fran Teixeira faleceu, rodeado da súa familia, da que tamén forma parte a familia do balonmán galego.

Fran Teixeira é balonmán en estado puro. Comezou nos bancos con 15 anos adestrando a un equipo infantil do Santa Cristina e con 19 anos, mentres facía o servicio militar, xa estaba na categoría sénior adestrando ao Ceutí. Pasou polo Santa Cristina, Lalín, Mercantil, Teucro, Chapela, Octavio, Gaia, Sporting de Lisboa e regresou ao Chapela hai xa máis de 10 anos, onde estivo ata o final, nesta última etapa xunto ao seu fillo Adrián. Na súa etapa no balonmán luso, acadou os seus maiores éxitos deportivos, ao lograr co Sporting de Lisboa dous Campionatos Nacionais (2004/05 e 2005/06) e dúas Copas de Portugal (2003/04 e 2004/05). Ademais foi seleccionador galego en todas as categorías e no ano 2018 recibiu a medalla e insignia de oro ao mérito deportivo da Federación Española de Balonmán.

Recordamos con emoción a Fran cos seus no partido España-Portugal disputado en Vigo no mes de xullo, porque ninguén podía convencerlle de non estar aí, nun pavillón de As Travesas do que coñecía cada esquina, e coa súa segunda familia, a xente do balonmán, coa que puido volver a soñar con aquelo que a el lle facía vibrar: o balonmán. E tamén nos emocionamos días máis tarde coa homenaxe que lle fixo a Deputación de Pontevedra, onde traballou moitos anos e foi artífice da posta en marcha das escolas deportivas

Hoxe o balonmán está triste porque despide a unha persoa única e irrepetible, pero todos os que tivemos a sorte de coñecer a Fran Teixeira estamos orgullosos de ter a posibilidade de descubrir as dúas caras de Fran: A da persoa cariñosa, simpática e alegre na súa vida diaria e a do adestrador visceral, vehemente e apaixonado, no que se transformaba no banco.

Sempre ao noso lado, Fran Teixeira!

O velorio vai ser mañá 1 de setembro no Vigo Memorial, cunha liturxia ás 18:45 horas, e o funeral oficiarase o xoves 2 de setembro ás 20:30 hora na Igrexa do Carmen.

2 Comments to “ O BALONMÁN GALEGO, DE LOITO POLO FALECEMENTO DE FRAN TEIXEIRA”

  1. Your point of view caught my eye and was very interesting. Thanks. I have a question for you.

Debes ser identificado introducir un comentario.