O BALONMÁN GALEGO DESPIDE O ANO 2021 COA FESTA DO ALL STAR XACOBEO 21-22 EN PONTEVEDRA

O domingo 26 de decembro, o Pavillón Municipal de Pontevedra acollerá a segunda edición do All Star Mixto FGBm Xacobeo 2122, evento co que o balonmán galego despedirá o ano 2021. Nesta segunda edición, a Federación Galega da un pasiño máis, xa que ao evento deportivo sumou un evento cultural:  A participación do grupo galego Broken Peach.

Hoxe celebrouse en Pontevedra a presentación do All Star, coa participación de Bruno López, presidente da FGBm, acompañado de Jose Luís Doval, responsable da delegación de Pontevedra do Banco de Alimentos, e Daniel Benavides, xefe provincial de Deportes de Pontevedra.

Bruno López destacou que o All Star é un evento no que “unidos deporte e espectáculo, co obxectivo de despedir da mellor maneira posible un ano moi complicado para todos nós”. O máximo mandatario agradeceu a colaboración da Xunta, do Concello de Pontevedra e dos clubs Cisne e Teucro, para poder celebrar esta acto, que sorprenderá a todos os que se acheguen ata o Pavillón de Pontevedra.

A festa do balonmán galego comezará ás 17:30 horas coa celebración dos diferentes concursos (lanzamentos, habilidades e  7 metros) e a continuación teremos a oportunidade de gozar da actuación de Broken Peach, que ten unha gran relación con balonmán, xa que foi o grupo que fixo o himno do mundial júnior que se celebrou en Vigo e Pontevedra no ano 2019.

E a partir das 20:45 horas disputarase o partido das estrelas mixto, no que contaremos con algúns dos mellores xogadores/as da primeira categoría autonómica do balonmán galego.

Será un gran evento, con moita luz e son, co que a Federación Galega de Balonmán quere seguir poñendo en valor ás competicións autonómicas. pero sen esquecer o aspecto solidario nestas festas do Nadal. Nesta ocasión a Federación Galega de Balonmán vai da man de Banco de Alimentos de Pontevedra e imos tratar de conseguir a maior cantidade posible de alimentos para as persoas que máis o necesitan. Desta forma, dende a organización do evento se lle solicita aos asistentes que traian un quilo de alimento non perecedoiro, que poderán depositar nos contenedores que estarán dispostos con este fin na instalación.

O aforo será reducido e as entradas gratuítas, pero a reserva das mesmas realizaranse vía online, a través da seguinte ligazón:

https://app.cluber.es/clubes/32f3afddaa8d2bf256adac5484b79a8aab38fe4e/pagos/240f829d0afa5d8754513371771ef6102d4f4354

Cada asistente deberá introducir os seus datos e recibirá por correo a súa entrada que ten que ser presentada no acceso á instalación, xunto cunha destas tres opcións:

  • Certificado de vacinación da COVID-19
  • Unha proba diagnóstica negativa (feita nas últimas 72 horas no caso de PCR e de 48, se é un test de antíxenos)
  • O documento que certifique a superación da enfermidade (nos últimos 6 meses).

E para todas as persoas que non poidan estar no Pavillón Municipal de Pontevedra, a Federación Galega de Balonmán realizará streaming do evento a través da súa canle de youtube, de forma que todas e todos poidan gozar dende casa do espectáculo do mellor balonmán galego.

Debes ser identificado introducir un comentario.