O Iº Torneo Nacional de Balonmán en cadeira de Rodas celebrarase este sábado 24 de febreriro coa participación de 4 equipos entre os que se atopa o ICB Coruña.
O Polideportivo de Curtis é a sede na que se disputará o primeiro Torneo elite Nacional de Balonmán en cadeira de rodas. O campionato celebrarase o próximo sábado 24 de febreiro a partir das 10:00 horas co obxectivo de fomentar e visibilizar o deporte para persoas con discapacidade.
Esta competición é un evento deportivo pioneiro no territorio nacional organizado polo presidente de ICB Coruña e veciño de Curtis, Lorenzo E. Edjang e a Federación Galega de Balonmán. A súa vez, a Área de Deportes do Concello de Curtis colabora coa organización do campionato.
O acto de presentación do torneo tivo lugar no Salón de Actos do Concello de Curtis coa participación do presidente de Inclubasket Coruña, o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López e o alcalde do Concello de Curtis, Javier Caínzos.
O presidente da Federación Galega de Balonmán resaltou a importancia que ten para o balonmán galego este torneo, xa que supón poñer a primeira pedra para o fomento do balonmán en Curtis, e sobre todo nunha modalidade tan importante coma esta; o deporte ten unha tarefa pendente para facelo accesible a todas as persoas, e este torneo supón un paso adiante para o balonmán. Bruno López agradeceu a colaboración do Concello de Curtis e do ICB Coruña para que este iniciativa sexa unha realidade.
O presidente de ICB Coruña explicou que este primeiro torneo de España de Balonmán en cadeira de rodas é un evento deportivo inclusivo co que se busca a promoción da inclusión social a través do deporte adaptado, extendendo os seus beneficios a zonas rurais e fortalecendo a cohesión humanitaria.
Pola súa parte, Caínzos recalcou que, aínda que a competición terá seguro un impacto económico e turístico, o principal obxectivo deste evento deportivo é visibilizar o balonmán en cadeira de rodas. Ademais, amosou o seu agradecemento as organizacións que impulsaron o torneo, especialmente a Lorenzo E. Edjang como veciño e promotor. Ademais, afirmou que o Concello de Curtis “quere ser unha entidade activamente comprometida en iniciativas de impacto social que promoven valores de igualdade e accesibilidade”
Participarán un total de 48 xogadores/as divididos en 4 equipos de Madrid, Valladolid, Zaragoza e A Coruña. O primeiro partido disputarase as 10:00 horas entre ICB Coruña vs BM Parla. A continuación, as 11:00h INCLUSPORT CYL vs BM Dominicos e as 12:20 horas BM Dominicos vs ICB Coruña. Xa as 14:10 horas INCLUSPORT CYL vs BM Parla, as 15:30 horas BM Parla vs BM Dominicos e para rematar as 16:30 horas ICB Coruña vs INCLUSPORT CYL.