O BALONMÁN RECONQUISTA DE VIGO ASCENDE Á DIVISIÓN DE HONRA PRATA FEMININA

O Tapería Dos Chata Balonmán Cangas, a SAR Op Mobility e o Poio Artai quedaron ás portas do obxectivo.

Durante o pasado fin de semana, do 10 ao 12 de maio, disputáronse as fases de ascenso a División de Honra Prata Feminina e 1ª Nacional Masculina, onde os equipos galegos deixaron a súa pegada.

Na parte masculina, o SAR Op Mobility e o Poio Artai competiron na fase de ascenso, mentres que na parte feminina, foron o Balonmán Reconquista de Vigo e o Tapería Dos Chata Bm. Cangas quen loitaron polo ascenso.

Tres equipos galegos tiveron o privilexio de xogar a fase en casa: o Poio Artai, o Balonmán Reconquista de Vigo e o Tapería Dos Chata Bm. Cangas. Mentres tanto, o SAR Op Mobility tivo que desprazarse até Zumaia, Guipúzkoa, para disputar a súa fase de ascenso.

Os equipos contaron con rivais de gran nivel nos seus respectivos grupos. O Poio Artai enfrontouse a Unión Financiera B, Pan Moguer e o Balonmán Ciudad de Villafranca. O SAR Op Mobility tivo como rivais a Sermarther S.L. Tacoronte Lecomar 13 de Mayo, Labarra Pulpo EK e Hercos Motor BM. Colindres. O Balonmán Reconquista de Vigo enfrontouse a Aula Valladolid, 3Com Squad Valsequillo e Aginteco Bm Torrejón. E o Tapería Dos Chata Bm. Cangas loitou contra Bera Bera, Balonmán Sinfín e Real Grupo de Cultura Covadonga.

Os resultados dos encontros por xornada foron os seguintes:

XORNADA 1

  • Poio Artai 27 – 31 Pan Moguer
  • Hercos Motor BM. Colindres 27 – 26 SAR Op Mobility
  • Balonmán Reconquista de Vigo 26 – 19 3Com Squad Valsequillo
  • Tapería Dos Chata Bm. Cangas 26 – 21 Balonmán Sinfín

XORNADA 2

  • Poio Artai 34 – 26 Balonmán Ciudad de Villafranca
  • Labarra Pulpo EK 29 – 25 SAR Op Mobility
  • Balonmán Reconquista de Vigo 19 – 18 Aginteco Bm Torrejón
  • Tapería Dos Chata Bm. Cangas 33 – 16 Real Grupo de Cultura Covadonga

XORNADA 3

  • Poio Artai 23 – 27 Unión Financiera B
  • Sermarther S.L. Tacoronte Lecomar 13 de Mayo 31 – 30 SAR Op Mobility
  • Balonmán Reconquista de Vigo 28 – 21 Aula Valladolid
  • Tapería Dos Chata Bm. Cangas 23 – 30 Bera Bera

Destacou o desempeño dos equipos femininos, que chegaron con opcións de ascenso á última xornada. O Tapería Dos Chata Bm. Cangas caeu fronte a un gran Bera Bera, mentres que o Balonmán Reconquista de Vigo venceu ao seu rival, o Aula Valladolid, conseguindo así o seu ascenso á División de Honra Prata Feminina.

Ao rematar os partidos das Fases de Ascenso o domingo, houbo entrega de trofeos para os equipos participantes, coa presenza de directivos da Federación Galega de Balonmán. Carla Abad, Vicepresidenta da Federación Galega de Balonmán e Responsable de Formación, entregou o trofeo na fase de ascenso do Balonmán Reconquista de Vigo, mentres que Rubén González, Directivo da Federación Galega de Balonmán e Responsable de Área Técnica Masculina, fixo o mesmo na fase de ascenso do Tapería Dos Chata Bm. Cangas.

Parabéns ao Balonmán Reconquista de Vigo polo seu merecido ascenso á División de Honra Prata Feminina.