Hoxe, 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, o Conservas Orbe Zendal Balonmán Porriño xogará en Reykjavík (Islandia) o partido de volta da final da EHF European Cup, nun encontro que pode marcar un antes e un despois na historia do balonmán galego.
O equipo xa se atopa en Islandia para disputar un dos encontros máis importantes da súa historia. Hoxe, ás 17:00h, as xogadoras de O Porriño mediranse de novo ao Valur islandés, co que empataron na ida (29-29) nun Municipal ateigado de ilusión. A final está totalmente aberta, e a posibilidade de traer o primeiro título europeo para o club, está máis viva ca nunca.
Esta é a primeira vez que o Conservas Orbe Zendal BM Porriño participa nunha competición europea, e o seu camiño está sendo un exemplo de entrega, esforzo e paixón. O equipo superou varias eliminatorias como visitante, xogando partidos decisivos en Grecia e Turquía, e agora afronta a volta da final tamén fóra da casa pero neste caso máis que nunca, coas maletas cargadas co agarimo da súa afección.
«A Porta de Europa», lema do club nesta aventura, segue aberta para unhas xogadoras que xa están a facer historia. Porque este equipo inspira á súa xente e ás súas nenas, ás futuras xogadoras que soñan en grande grazas a elas.
Unha parte da afección desprazouse ata Islandia para acompañar ao equipo nesta cita inesquecible. Durante toda a competición, o apoio foi constante, con seguidores viaxando por Europa co club e facendo que o nome de O Porriño soase forte en cada recuncho do continente.
Este logro do club é froito dun proxecto serio e comprometido, que leva anos traballando coa comarca como motor e cun soño común: chegar alto e facelo xuntos.
Desde a Federación Galega de Balonmán, en conxunto todo o balonmán galego, sentimos un orgullo inmenso por este equipo. Non só polos seus resultados, senón polo que representan: superación, igualdade, esforzo colectivo e identidade.
Mañá, todas e todos estaremos vibrando co Balonmán Porriño por un mesmo soño, porque «A Porta de Europa» non só está aberta: estamos a piques de cruzala.
