Nestes intres de absoluta incerteza temos a data do 3 de setembro na nosa mente. Ese día, o Atlético Guardés será o primeiro club galego en regresar a competición seis meses despois. Ademais, o conxunto da Guarda volve a loita por un título, o cal aínda lle da máis alicientes á cita, se non tiña suficientes.
Alhaurín de la Torre (Málaga) será a sede da fase final da Copa da Raíña. O día 3 de setembro (15:30 horas) o Atlético Guardés xogará contra o Aula Alimentos de Valladolid en busca dunha praza nas semifinais. A cita non pode ser máis ilusionante, a pesar de toda a complexidade que rodeou á volta aos adestramentos, coas medidas de seguridade implementadas pola pandemia da COVID-19.
Tal e como recoñeceu a capitana Lorena Pérez, “a preparación está sendo estraña, pero traballando moito e con moitas ganas. Chegamos ao partido con ganas de competir ao máximo nivel e de dar a mellor versión do equipo”.
O rival, Aula Alimentos de Valladolid, foi precisamente o equipo ao que se enfrontou o Guardés nesta atípica pretempada, cun balance de unha vitoria e una derrota. O que teñen claro as xogadoras é que será un partido moi duro, tal e como nos explicou a capitana: “Ao rival mirámolo con moito respecto. Coñecémonos moito e sabemos que vai ser un partido moi intenso e no que calquera erro pode ser crucial para o desenlace. Hai que saír moi concentradas e, sobre todo, defender moi ben, xa que corren moito e aproveitan moito a primeira oleada”.
Caras novas e baixas importantes
O conxunto galego chega a esta cita con moitas novidades. Dende o confinamento foron moitas as cousas que pasaron no seno deste club: Cambio de directiva, de patrocinadores, fichaxes, baixas….
As novas incorporacións son Paula Arcos, Daniela Moreno, Miriam Sempere e Erika Rajnohová, que xa levan algunhas semanas adestrando coas súas compañeiras e baixo a batula de José Ignacio Prades, que segue ao fronte deste ilusionante proxecto. A noticia negativa son as baixas por lesión de África Sempere, Martina Mazza (lesión no talón de aquiles), Rosario Urban e Cristina Barbosa.
A Federación Galega de Balonmán, en nome de todo o balonmán galego, quere desexarlle a mellor das sortes ao conxunto guardés nesta fermosa competición.
Debes ser identificado introducir un comentario.