O encontro entre os Hispanos e a selección portuguesa esgota todas as localidades dispoñibles e reunirá 5.000 espectadores este domingo en Vigo.
O España–Portugal da EHF EURO Cup xa ten asegurado un IFEVI cheo ata a bandeira. O encontro que enfrontará este domingo, 8 de novembro, ás 18:00 horas, as seleccións absolutas masculinas de España e Portugal esgotou todas as entradas dispoñibles, polo que o recinto feiral vigués completará o seu aforo de 5.000 espectadores para unha das grandes citas do balonmán internacional desta tempada.
A resposta da afección confirma a enorme expectación que espertou a chegada dos Hispanos a Galicia. A venda de localidades foi medrando nos últimos días ata alcanzar o cheo absoluto, nunha mostra do interese que continúa xerando o balonmán de máximo nivel e do atractivo especial dun enfrontamento entre dous dos combinados nacionais máis destacados do panorama europeo.
UN IFEVI CHEO PARA EMPURRAR OS HISPANOS
O ambiente nas bancadas será un dos grandes protagonistas do encontro. Os Hispanos contarán co apoio dunha afección que encherá o IFEVI para acompañalos nun compromiso de especial dificultade ante Portugal, unha selección que atravesa un dos mellores momentos da súa historia recente.
O partido chega, ademais, cun importante aliciente deportivo. Portugal impúxose nos tres últimos enfrontamentos entre ambos os combinados nacionais, incluídos os duelos disputados no Mundial de 2025, no Torneo Internacional de España de xaneiro de 2026 e no recente Campionato de Europa. Vigo será agora o escenario dunha nova oportunidade para que España poida cambiar esta dinámica, coa forza dunha bancada que promete converterse no oitavo xogador dos Hispanos.
VIGO, ESCENARIO DUNHA GRAN FESTA DO BALONMÁN
O cheo absoluto do IFEVI supón tamén un importante respaldo ao traballo realizado para traer a Galicia un encontro internacional destas características. A Federación Galega de Balonmán quere agradecer a resposta de todas as persoas que adquiriron a súa entrada e o apoio recibido para facer posible que Vigo viva unha cita deste nivel.
A organización do encontro corre a cargo da Real Federación Española de Balonmano e da Federación Galega de Balonmán, co apoio da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia e a colaboración do IFEVI. A Federación quere destacar especialmente o apoio da Deputación de Pontevedra, fundamental para facer realidade este acontecemento e achegar á provincia o balonmán internacional.
As portas do IFEVI abriranse ás 17:00 horas, unha hora antes do comezo do partido. O encontro poderá seguirse tamén en directo a través de Teledeporte.
Vigo xa está preparado. Este domingo, os Hispanos non estarán sós: 5.000 voces empurrarán desde a bancada para vivir unha tarde que promete ser inesquecible para o balonmán galego.



