Os Hispanos Júnior conquistan Ribadavia

O combinado nacional está a espertar gran expectación dende a súa chegada á vila ourensá

A selección nacional dirixida por Javier Fernández «Jabato» xa está instalada no concello de Ribadavia para preparar o europeo de Eslovenia que se vai celebrar do 10 ao 21 de xullo de 2024.

Ademais do adestrador do Club Cisne, o combinado hispano conta no seu staff con Alejandro Mozas (Bm. Torrelavega), Carla Abad (SAR), Mauro Montero (Fisioterapeuta) e Ángel Quirós (Médico); mentres que no elenco de xogadores hai apelidos tan relevantes coma: os irmáns Cikusa, Pisonero, Barrufet, Grau, …

O concello de Ribadavia, en colaboración coa Secretaría Xeral Para o Deporte e o Programa Xogade, organizou dous adestramentos de portas abertas (martes e xoves), para que os/as escolares da zona puidesen desfrutar do gran nivel de balonmán da selección española ademáis de poder pedir autógrafos e fotos aos seus ídolos.

A preparación do combinado hispano rematará o sábado día 16 cun encontro contra a selección absoluta de U.S.A., a cita será ás 18:00 horas e a entrada será de balde. No equipo americano haberá un galego: o pontevedrés Álex Chan, unha circunstancia que de seguro suporá un reclamo para os afeccionados e afeccionadas galegas.

A visita dos Hispanos Júnior supón o comezo dunha serie de actividades nacionais que a Federación Galega de Balonmán, en colaboración coa Real Federación Española, levarán a cabo en diferentes puntos da geografía galega.