PEDRO RODRÍGUEZ FAI A COMPRA PARA OS MAIORES EN HUNGRÍA

O noso deportista Pedro Rodríguez tamén está a vivir a crise do COVID-19, pero el en Hungría, onde está a desenvolver a súa carreira deportiva nestes últimos anos. A mediados de marzo paralizouse a Liga húngara e comezou o confinamento nas casas para tratar de frear esta pandemia. E dende hai unhas semanas, o xogador galego está a colaborar cunha iniciativa levada a cabo polo seu club, o Balatonfüredi KSE, en colaboración co concello de Balatonfüred. “Imos cada día dous xogadores a facerlle a compra a persoas que estean en risco, pola idade ou por enfermidades previas”. Está claro que os nosos deportistas son grandes nas pistas, pero moito máis fóra delas!

Así, van ata os domicilios, alí reciben as listas da compra (tanto de supermercados como farmacias) e despois de facela, acoden novamente ao fogar para deixarlla alí. Pedro tivo como compañeiro nesta tarefa solidaria a Boka Bendegouz, iniciativa na que tamén están implicados o club de fútbol da cidade e outras entidades deportivas. Esta era a primeira tempada de Pedro Rodríguez neste club, aínda que antes xogou no SC Pick Szeged. Balatonfüred é unha fermosa cidade turística, situada a beiras do lago Balaton.

A Liga húngara foi suspendida o día 14 de marzo cando faltaban 9 xornadas para o remate da mesma. Nese momento, o Balatonfüredi KSE era sexto clasificado, pero con máis partidos por xogar e un calendario máis sinxelo, para darlle alcance aos que ían por diante (terceiro, cuarto e quinto).

Pero as contas xa remataron para Pedro e os seus compañeiros. En Hungría o día 9 de abril tomouse a decisión de suspender a competición de forma definitiva e dala como nula. A próxima tempada comezará tendo como referencia os resultados da tempada 2018/19. Así, Pedro está a organizar a viaxe de regreso a Galicia, onde atoparase unha situación moi similar á que deixa atrás en Hungría.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *