A Copa Federación de Balonmán foi presentada hoxe ás 14:00 horas, nun acto no que se deron a coñecer os detalles dunha competición que se disputará este sábado 20 de decembro no Pavillón A Bombonera, en Redondela, e que reunirá a equipos das categorías autonómicas masculina e feminina.
No acto de presentación estiveron presentes: Antonio Cabaleiro, concelleiro de deportes do Concello de Redondela; Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán; Carla Abad, vicepresidenta da FGBm; e Aurelio Krook, presidente da Sociedade Atlética Redondela (S.A.R.), club anfitrión desta edición.
A Copa Federación preséntase como unha xornada de competición intensa, nun único día, que permitirá gozar de tres encontros correspondentes ás categorías 2ª Autonómica Masculina, Autonómica Feminina e 1ª Autonómica Masculina, consolidándose como unha cita destacada no calendario do balonmán galego.
HORARIOS E ENFRONTAMENTOS
Os partidos disputaranse segundo o seguinte horario:
16:00 h – 2ª Autonómica Masculina
Martinrez & De Castro BM Bonean Tui – Parrillada La Ronda Arteixo
18:00 h – Autonómica Feminina
Planciber Seis do Nadal-Coia – CDEC Lavadores Vigo
20:00 h – 1ª Autonómica Masculina
Distevi Seis do Nadal-Coia – SAR Opmobility
Desde a Federación Galega de Balonmán destacouse a importancia desta Copa Federación como unha oportunidade para poñer en valor o traballo dos clubs galegos e seguir ofrecendo competicións atractivas para xogadores, xogadoras e afeccións de toda Galicia.
A FGBm anima a todas as persoas afeccionadas ao balonmán a achegarse este sábado ao Pavillón A Bombonera de Redondela para desfrutar dunha xornada completa de balonmán autonómico do máis alto nivel.






