RIBEIRA PON O COLOFÓN Á «COPA 5X5 DE BALONMÁN NA RÚA DEPUTACIÓN DA CORUÑA 2024»

Trinta equipos participaron en Ribeira, que un ano máis elixiuse coma a vila con mais participativa.

A fin de semana do 21 ao 23 de xuño púxose punto e final á segunda edición da «Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación da Coruña». Sete probas, sete concellos e máis de mil oitocentos/as participantes fixeron que a «Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación da Coruña 2024» se traducise no mellor evento de balonmán de base do Balonmán Galego.

A Coruña, Sada, Negreira, Zas, Oroso, Cedeira e RIbeira; foron os sete concellos que albergaron esta segunda edición da Copa 5×5, un formato de competición pensado para visibilizar o balonmán, e con contidos dirixidos á diversión de todos e todas as participantes e acompañantes.

As equipacións Hummel encheron durante tres días as rúas destas vilas coruñesas, onde o balonmán xa puxo a semente para que nun futuro próximo as escolas ou clubs sexan unha realidade.

Dende a Federación Galega de Balonmán queremos agradecer públicamente o apoio e a aposta da Deputación Provincial da Coruña polo balonmán de base, facendo posible que puxesemos en marcha esta actividade pioneira e pola que xa se interesaron incluso dende outros países.

Queremos agradecer tamén a acollida de todos e cada un dos concellos onde se celebraron as catorce probas celebradas ata o día de hoxe, xa que sen as facilidades outorgadas, sería imposible a celebración dun evento das características da «Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación da Coruña».

Por último, temos un agradecemento eterno para participantes e familias, e por suposto para os clubs da provincia que se volcaron con esta iniciativa, grazas a vós esta competición acadou os seus obxectivos: promoción, visibilidades, diversión e un aumento claro do número de adeptos/as ao noso deporte.

Deixámosvos unhas imaxes do que foi esta «Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación da Coruña».

Vémonos no 2025!