RUBEN RÍO, ANTE UN NOVO RETO: O IVRY FRANCÉS

Dentro de moi pouco teremos a outro galego xogando en Francia. Rubén Río (A Coruña, 1997), despois de catro magníficas tempadas no Valladolid, vai dar un salto moi importante na súa carreira ao fichar polo Ivry. Así que falamos con el para que nos conte como está.

Xa se atopa en Galicia, coa familia, despois de pasar case toda a corentena en Valladolid. “Estiven case todo o confinamento alí, nun piso con Víctor Rodríguez e Jorge Serrano. Ao estar todo o tempo xuntos no mesmo piso se nos fixo bastante ameno e estivemos moi a gusto. Cando faltaban uns sete ou dez días para a primeira fase da desescalada, o club nos deu un xustificante para que puidéramos volver ás nosas casas ao estar nun ERTE. E dende hai uns 20 días estou coa familia na Coruña, e claro, aquí, como en ningún sitio”.

Rubén recordou a necesidade de seguir cumprindo as normas para saír adiante da mellor maneira posible desta crise sanitaria poloo COVID-19, “é unha experiencia complicada e difícil e debemos tentar facer as cousas ben e facer caso en todo o que nos din. Ves que hai familias que o están pasando moi mal, e nós temos a sorte de que en Galicia estamos un pouco mellor, non hai tantos casos, pero sempre hai que ter precaucións”.

E antes de pensar no futuro, chegou o momento de facer balance dos seus catro anos en Valladolid, onde logrou converterse no segundo máximo goleador da historia do club pucelano. “Valladolid foi unha experiencia superpositiva. Marchei para alí con 19 anos, a un club do que todo o mundo me falara moi ben. Tácticamente o seu xogo veume como anel ao dedo, aínda que ao principio costoume moitísimo adaptarme, porque era un xogo moi diferente ao que eu coñecía. Aprendín e crecín moitísimo, como xogador e como persoa. Tiven a sorte de coincidir con xente espectacular e creo que foi un gran acerto estar aí estes catro anos”.

«Foi un gran acerto estar en Valladolid estes catro anos. Crecín moitísimo tanto a nivel persoal como deportivo»

Rubén Río

A posibilidade de fichar polo Ivry levaba varios meses madurando, aínda que foi a partir de xaneiro cando se concretou un pouco máis. Precisamente coincidiu cun torneo que Rubén foi xogar co seu equipo en Francia. “Eu xa sabía que tiñan interese en min, porque xa se puxeran en contacto co meu representante. Neste torneo xogamos contra eles e tiven a oportunidade de falar co adestrador, que sabe un pouquiño de español”. E a partir de aí seguimos falando e “a verdade é que me gustou o proxecto e me convenceron”.

Por que Francia? Rubén é rotundo: “É unha Liga moi superior á española. Os xogadores están máis valorados, hai máis garantías que en España, a Liga é moi potente… Como xogador é moi interesante enfrontarse aos mellores equipos, adestrar con xogadores de todos os países e moi experimentados”.

O noso deportista enfrontarase a un cambio radical: País, idioma, costumes, Liga… Recoñece que dá un pouco de vertixe: “Sempre dá un pouco de vertixe… Deume cando me fun moi novo da casa, primeiro a Xixón e despois a Valladolid, e agora son palabras maiores: novo país, novo idioma… Estou estudando francés dende marzo e pouco a pouco vou mellorando. Pero estas experiencias sempre son positivas, dar pasos ao fronte e experimentar novos retos e experiencias”. Ten a sorte de que tamén ficha polo Ivry o seu compañeiro no Valladolid este último ano Robin Dourte, “que sabe algo de español, levámonos ben… isto sempre axuda para aclimatarte”.

E non esquece un dous seus soños: Intentar chegar á selección absoluta. “Ese é un dos motivos polos que emigro a unha liga superior. Sería un soño e o culmen a todo o traballo que fixen. Sei que queda moito para iso, porque hai xente moi boa, que fixo moitos méritos para estar aí… Pero ese é obxectivo que teño, poder chegar e estar cos mellores”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *