Trinta alumnos cursarán o módulo presencial do 15 de xullo ao 2 de agosto nas instalacións do Campus Vida, en Compostela. O luns ás 10:00 horas, na Facultade de Óptica e Optometría, celebrarase a inauguración do curso.
O “Curso Superior de Adestradores/as de Balonmán” regresa a Galicia seis anos despois, con trinta alumnos e alumnas procedentes de diferentes partes do mundo e con quince galegos/as que tratarán de acadar o título que da dereito a exercer en categorías nacionais. Este curso tan só tivo sede en Alcalá de Henares e Santiago de Compostela.
Os meses de conversas entre a Federación Galega de Balonmán, a Real Federación Española de Balonmano e a USC para albergar esta iniciativa, finalmente deron os seus froitos. Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán sinalaba: “a celebración deste curso na nosa terra é un paso moi importante para o balonmán galego, noutra localización, moita xente de aquí non podería cursalo; a verdade é que a USC sumou dende o primeiro momento para converter a proposta nunha realidade e a día de hoxe podemos dicir que é todo un éxito que se poida celebrar aquí”.
O curso contará cun elenco de profesores de alto nivel, nomes tan coñecidos nesta disciplina coma: Manolo Laguna, Demetrio Lozano, Alberto Suárez, Rafael Guijosa, Jorge Dueñas, Julián Ruíz, Pedro García, …; estarán dende o luns alternando as clases teóricas na Facultade de Óptica e Optometría coas sesións prácticas no pavillón de deportes da USC, no Restollal e na sala de acondicionamento físico da USC.
A maior parte do alumnado se aloxará nas residencias que a Universidade de Santiago de Compostela pon a disposición deste tipo de iniciativas; dende a organización destacan as facilidades que aporta a proximidade e a localización das instalacións do Campus Vida.
A Federación Galega de Balonmán, a USC e o concello de Santiago de Compostela, unen deste xeito, as súas forzas para potenciar o trinomio: formación, turismo e deporte.
A Escola Nacional de Adestradores da Real Federación Española de Balonmán é unha gran creadora e exportadora de talento; na actualidade os mellores equipos do mundo están a contar cos adestradores españois nas súas filas, quen sabe se de esta quenda sairán os futuros relevos de Pascual, Ortega, Pastor, etc…