SANXENXO, EPICENTRO DO BALONMÁN PRAIA ESPAÑOL COA DISPUTA DO CESA E DO ARENA 1000 DO 24 AO 26 DE XUÑO

Sanxenxo será a sede do Campionato de España de Seleccións Territoriais de balonmán praia do 24 ao 26 de xuño. O municipio galego acollerá a segunda edición do torneo estatal, onde os combinados autonómicos das categorías xuvenís, cadetes e infantís masculinas e femininas competirán por alzarse co título de campión de España. Pero ademais, nestas mesmas datas a praia do Silgar tamén será sede dunha das tres probas de Arena 1000 da nova tempada de balonmán praia.

CESA 2022

Esta será a segunda edición do CESA de balonmán praia e Galicia terá representación nas seis competicións (infantil, cadete e xuvenil, masculina e feminina). Será unha grande oportunidade para ver aos máis pequenos/as nunha especialidade tremendamente espectacular, que non vai deixar indiferente a ninguén. O xoves 12 de maio celebrouse o sorteo, polo que xa se coñecen a composición dos grupos de todas as categorías.

O campionato, que se celebrará na praia do Silgar, está organizado pola Federación Galega de Balonmán xunto a RFEBm, e conta coa colaboración do Concello de Sanxenxo, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.

Arena 1000

Pero ademais, Sanxenxo tamén acollerá o primeiro Arena 1000 da tempada 2022 de balonmán praia. A principal novidade desta nova proba confirmada do Arena Handball Tour é que unicamente competirán equipos pertencentes á categoría  senior. O Area 1000 de Sanxenxo celebrarase paralelamente ao Campionato de España de Seleccións Territoriais de Balonmán Praia, que terá lugar tamén desde o venres 24 ata o domingo 26 de xuño.

E ambos torneos celebraranse nunha paraxe espectacular e inigualable: No areal da praia urbana do Silgar, en Sanxenxo, unha localidade turística e chea de vida durante o verán, na que os visitantes poderán gozar do tempo, da natureza, da gastronomía e do deporte. Unha visita para recordar!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *