O Pavillón Gustavo Rodríguez de Tui será o escenario da Final 4 Xuvenil Masculina e Feminina que se celebrará esta fin de semana, 28 e 29 de marzo, reunindo a algún dos mellores equipos galegos da categoría nunha das citas máis destacadas do calendario autonómico.
A presentación oficial do evento tivo lugar na mañá de hoxe, xoves 26 de marzo, no Centro Sociocultural Camilo José Cela de Tui, nun acto institucional que contou coa presenza de: D. Enrique Cabaleiro, Alcalde do Concello de Tui; D. Guillermo Reinaldo, coordinador de Deporte Escolar para a Xunta de Galicia; D. Rafael Estévez, Concelleiro de Deportes do Concello de Tui; D. Bruno López, Presidente da Federación Galega de Balonmán; D.ª Carla Abad, Vicepresidenta, Secretaria e responsable de Formación da FGBm; D.ª Shaila Bautista, Directiva responsable de Deporte Base da FGBm; D. Francisco Javier Rodríguez, Directivo responsable de Loxística e Balonmán Praia da FGBm; e D. Agustín Martínez, Presidente do Clube Balonmán Tui.
Tui volve converterse así no epicentro do balonmán galego base, repetindo como sede dunha fase final tras organizar a Final 4 cadete na tempada 2023-2024 e a Final 4 de 2ª autonómica na 2024-2025.
HORARIOS E ENFRONTAMENTOS
A competición desenvolverase ao longo de dúas xornadas:
Sábado 28 de marzo
10:30h SAR Rodavigo – Balonmano Porriño (Semifinal 1 feminina)
12:30h Escayolas Miguel Santos BM Cangas – Tecnelsa Asmubal Meaño (Semifinal 2 feminina)
17:00h Club Cisne Colegio Los Sauces – Socaire Arquitectos Bueu Atl. Balonmán (Semifinal 1 masculina)
19:00h Martínez & De Castro Balonmán Tui – Valinox Novás (Semifinal 2 masculina)
Domingo 29 de marzo
10:30h 3º e 4º posto masculino
12:30h 3º e 4º posto feminino
16:00h Final feminina
18:00h Final masculina
As entradas para asistir ao evento poden adquirirse a través da seguinte ligazón:
Compra de entradas Final 4 Xuvenil
UNHA FIN DE SEMANA DE BALONMÁN E AMBIENTE FESTIVO
Durante toda a fin de semana, o evento contará cun completo ambiente arredor da competición, con cantina con servizo de comida, sorteos gratuítos e actividades para nenos e nenas, convertendo a Final 4 nun plan ideal para toda a familia.
Ademais, na xornada do domingo terá lugar a entrega de premios tamén aos equipos xa proclamados campións e clasificados para o sector nacional: Buenas Migas Luceros e Calfrima Carballal, xunto co subcampión galego xuvenil masculino Embutidos Lalinense, nun recoñecemento ao seu excelente traballo durante a tempada. Cabe lembrar que Galicia conta con dúas prazas en categoría feminina e tres en masculina para o sector nacional.
Desde a Federación Galega de Balonmán anímase a toda a afección a achegarse a Tui para desfrutar dunha fin de semana de máximo nivel deportivo e apoiar aos seus equipos.
Así mesmo, quérese agradecer o traballo e implicación do Clube Balonmán Tui na organización do evento, así como a colaboración do Concello de Tui, fundamentais para facer posible unha nova gran cita do balonmán galego.




