Remontadas inesperadas, MVPs decisivos e desenlaces de infarto, marcan unha Fase Final inolvidable rumbo ao ascenso a División de Honra Prata Feminina e Primeira Nacional.
SEMIFINAL 1 MASCULINA: POIO ARTAI – GRANITOS IBÉRICOS CARBALLAL
O primeiro partido da Final 4 de Primeira Autonómica masculina deixou xa a primeira sorpresa da fin de semana. O Granitos Ibéricos Carballal, que chegaba sen presión e co traballo da tempada feito, superou ao Poio Artai, segundo clasificado da liga regular, nun encontro igualadísimo que se decidiu na prórroga (27-26).
O duelo comezou cunha primeira metade marcada pola máxima igualdade, sen que un equipo dominara claramente o marcador, aínda que o Poio Artai logrou marcharse ao descanso cunha lixeira vantaxe (11-9). Tras o paso polos vestiarios, o conxunto de Poio conseguiu ampliar a súa renda ata os tres goles, pero o Granitos Ibéricos Carballal non baixou os brazos e, liderados polas paradas decisivas de Diego Otero na portería, conseguiron recortar distancias ata situarse a un só tanto a falta de dez minutos.
Co empate 22-22 no marcador grazas a un gol dende o extremo do Carballal, e varios erros de lanzamento nos minutos finais, o partido chegou á prórroga. No tempo extra, o Granitos Ibéricos Carballal soubo manter a súa intensidade e co apoio da súa portería certificou unha vitoria histórica, avanzando á final tras un axustado 27-26.
SEMIFINAL 2 MASCULINA: SAR OPMOBILITY – BM LÍNEA21 LIGNUM PLUS
A segunda semifinal masculina comezou cun arranque fulgurante da SAR Opmobility, que impuxo un contundente 10-2 nos primeiros minutos. A pesar da desvantaxe, o BM Línea21 Lignum Plus non baixou os brazos e, grazas a unha boa recta final da primeira metade, logrou marcharse ao descanso cun 17-14 que deixaba todo aberto para a segunda parte.
O alto ritmo e a intensidade mantivéronse tras a reanudación, pero a SAR Opmobility soubo controlar as rendas do xogo, sen permitir que o BM Línea21 Lignum Plus se achegase perigosamente no marcador. Nos últimos sete minutos, o cansazo acumulado no cadro do Línea21 fixo mella, e a SAR aproveitou para romper definitivamente o encontro.
O resultado final de 36-29 non reflicte a igualdade e a emoción que se viviron durante gran parte do duelo, pero confirma á SAR Opmobility como finalista desta Final 4.
SEMIFINAL 1 FEMININA: BM SAMERTOLAMEU – SEGUROS M VIEITO BM XALLAS
O primeiro duelo feminino estivo cargado de emoción e igualdade. O Seguros M Vieito BM Xallas chegou ao descanso cunha vantaxe de 11-14, pero sen nada decidido, xa que os nervios e algúns erros en lanzamentos e pases penalizaron ao BM Samertolameu na primeira metade.
Tras o paso polos vestiarios, o BM Samertolameu atopou o seu ritmo e, cun parcial de 4-0, logrou poñerse por diante no marcador antes do minuto dez da segunda metade. Desde ese momento, as moañesas souberon manter a iniciativa en todo momento.
A lesión de Laura Barbeira, xogadora clave no Seguros M Vieito BM Xallas, lastrou as opcións de remontada das de Santa Comba, que loitaron ata o final pero non puideron darlle a volta ao resultado.
O marcador final, 24-21, deu o pase á gran final ao BM Samertolameu.
SEMIFINAL 2 FEMININA: MECALIA ATLÉTICO GUARDÉS – CDEC LAVADORES VIGO
O segundo duelo feminino comezou cunha igualdade nos primeiros minutos, pero a partir do minuto vinte o CDEC Lavadores Vigo tomou o control do partido. Antía Estévez, cunha actuación destacada baixo paus, foi un muro para as locais, anulando as opcións de remontada do Mecalia Atlético Guardés.
As de Anxo Otero mostraron unha gran intensidade e foron mermando pouco a pouco as forzas do equipo anfitrión. Ao descanso, o marcador reflectía un claro 10-15 a favor do CDEC Lavadores Vigo, vantaxe que souberon ampliar ata o definitivo 19-27.
O CDEC Lavadores Vigo será o rival do BM Samertolameu na final.
3º e 4º POSTO MASCULINO: POIO ARTAI – LÍNEA21 LIGNUM PLUS
O Poio Artai saíu decidido a resarcirse do resultado da semifinal e marcou un ritmo moi alto dende o inicio, logrando unha vantaxe de cinco goles apenas no minuto 15 de xogo. A diferenza no marcador continuou aumentando, chegando ao minuto 50 cunha cómoda renda de dez tantos.
A gran actuación de Santiago Picallo «Bomba» baixo paus, con múltiples intervencións de mérito, foi fundamental para manter a distancia fronte a un Línea21 Lignum Plus que nunca baixou os brazos e tentou recortar diferenzas ata o final.
Finalmente, o Poio Artai impúxose por un claro 40-28, pechando así a súa participación na Final 4 cun sabor moito máis doce.
3º e 4º POSTO FEMININO: MECALIA ATLÉTICO GUARDÉS – SEGUROS M VIEITO BM XALLAS
Alba Fernández e Paula Álvarez viviron un partido especial fronte ao seu antigo equipo, xogando na casa e nunha cita tan significativa como unha Final 4. A presión pasou factura a un Mecalia Atlético Guardés que non atopaba resposta nos primeiros compases, obrigando ao seu adestrador, Fabio Lima, a consumir dous tempos mortos xa na primeira metade.
O Seguros M Vieito BM Xallas, moi sólido dende o inicio, tivo en Bineta Thiam un auténtico muro baixo paus, permitindo apenas un gol nos primeiros 10 minutos de cada parte. A iso sumouse o carácter de Zaira González, a quen os comentaristas bautizaron como “A desatascadora” pola súa capacidade de liderar ao equipo nos momentos máis complexos.
O Guardés acusou tamén a ausencia dunha xogadora clave como Carmen Magallanes, mentres o Xallas impuña o seu ritmo defensivo. Ao descanso, un marcador axustado de 9-12 reflectía a intensidade defensiva de ambos conxuntos.
Na segunda metade, o Seguros M Vieito BM Xallas consolidou a súa vantaxe ata selar o terceiro posto cun claro 19-26.
FINAL MASCULINA: GRANITOS IBÉRICOS CARBALLAL – SAR OPMOBILITY
O Granitos Ibéricos Carballal chegaba á gran final como a sorpresa da competición, ou como dicía o seu adestrador, Juanjo Basante, o auténtico “sorpresón” da Final 4. E non defraudou: loita, intensidade e entrega ata o último segundo.
A primeira metade estivo marcada pola igualdade e a alta intensidade. A SAR Opmobility logrou poñerse dous tantos por diante, pero o Granitos Ibéricos Carballal non permitía escapadas no marcador. A falta de 20 segundos para o descanso, os vigueses conseguían empatar o encontro, aínda que a SAR aproveitaba os últimos 3 segundos para irse ao intermedio cun axustado 10-11.
Na segunda parte, o Granitos Ibéricos Carballal deu un paso adiante e, cun parcial de 4-1, colocábase dous tantos por riba no minuto 40. Pero a SAR Opmobility reaccionaba e no 44 devolvía a igualdade ao marcador.
Iago García, elixido MVP da final, foi un quebradizo constante para a defensa do Carballal, xerando perigo en cada acción. Ao seu carón, Diego Otero volveu brillar baixo paus, como xa fixera na semifinal, mantendo ao seu equipo no encontro con intervencións de moito mérito.
Nun duelo de defensas férreas e porteiros inspirados, o marcador final de 21-23 coroa á SAR Opmobility como campión da Final 4 masculina da 1ª Autonómica.
FINAL FEMININA: CDEC LAVADORES VIGO – BM SAMERTOLAMEU
O CDEC Lavadores Vigo, que chegaba como o mellor clasificado e favorito claro nesta Final 4, viuse sorprendido por un BM Samertolameu que nunca deixou de crer e que asinou unha remontada épica para levarse o título.
O equipo vigués levou o mando do marcador ata o minuto 15, momento no que o BM Samertolameu recurtou a distancia a un só tanto, poñendo xa de manifesto que o encontro non ía ser un paseo para as de Anxo Otero.
O tramo final do partido resultou de máxima emoción: a falta de 8 minutos, o equipo moañés conseguía empatar e, contra todo prognóstico, colocábase dous goles por diante a falta de só 3 minutos para o final. Isto obrigaba ao técnico do CDEC Lavadores Vigo a pedir un tempo morto na procura de reacción.
Porén, os múltiples lanzamentos ao poste e as ocasións erradas condenaron a un CDEC Lavadores Vigo que non atopou solucións ofensivas nos momentos decisivos.
O BM Samertolameu mantivo a calma e selou, coa xogadora elixida MVP Aida Barros, unha vitoria histórica por 22-27, sorprendendo e proclamándose campioas da Final 4 feminina de 1ª Autonómica.
Con esta vitoria, o BM Samertolameu acompaña á SAR Opmobility cara á fase de ascenso, xunto aos equipos campións galegos, o Distevi Seis do Nadal e o Tapería Dos Chata BM Cangas.



