AS SELECCIÓNS GALEGAS INFANTIL MASCULINA E CADETE FEMININA, EN BUSCA DE MEDALLA NO CESA DE BALONMÁN PRAIA

Xornada de moitas emocións a que se viviu hoxe no CESA de balonmán praia que se está a disputar en Sanxenxo. Cinco das seis seleccións galegas lograron meterse nos cuartos de final e infantil masculina e cadete feminina lograron chegar ás semifinais. O equipo cadete feminino xa xogou a semifinal e caeu ante Madrid, polo que mañá domingo buscará o bronce ante a selección de Canarias (09:40 horas).

Infantil masculina. A traxectoria do combinado dirixido por Adrián Menduiña foi impecable, xa que venceu en todos os partidos disputados. O venres gañou tres partidos e acadou xa a clasificación para cuartos, pero querían máis e o sábado tamén gañou o último encontro da fase de grupos ante Asturias, e con remontada incluida. Pola tarde, choque decisivo ante Euskadi e unha vez máis, Galicia estivo intratable, destacando a portería e Xurxo Otero (infantil de primeiro ano), igual que no resto do torneo.

Mañá domingo, semifinal ante Navarra (09:00)

Cadete feminina. O equipo cadete feminino xogaba a primeira hora da mañá o partido decisivo ante Navarra para acadar o pase aos cuartos, e as galegas estiveron moi fortes e venceron en dous parciais. Nos cuartos de final, Galicia enfrontábase a Aragón e houbo emoción ata o final, cos shoot-out, nos que se impuso Galicia e logrou así o pase ás semifinais, que se xogaron hoxe sábado ás 21:00 horas. Na semifinal, Galicia enfrontouse a Madrid e caeu derrotada nun partido moi igualado, no que a portería madrileña foi decisiva.

En xuvenil feminina, Galicia caeu nos cuartos de final ante a Comunidade Valenciana (0-2), e en xuvenil masculina, os galegos perderon ante Madrid, igual que os cadete masculino. Por último sinalar que a selección infantil feminina xogará mañá a final de consolación (loita pola novena posición no campionato) tras vencer a Murcia na semifinal. A final será ante Cantabria (11:00 horas).

Debes ser identificado introducir un comentario.