PREPARADOS PARA AS FINAIS DA COPA E SUPERCOPA GALICIA!

Xa se coñecen os finalistas da Copa e Supercopa Galicia 2022! Entre venres e sábado disputáronse as semifinais da Copa e Supercopa (masculina) para decidir os equipos que xogarán o domingo as finais. Houbo algunha sorpresa e ademais hai que destacar que o BM Porriño ten a tres equipos metidos nas finais.

Copa Galicia masculina: UB Lavadores Vigo – Indupor BM Porriño (11:00 horas)

As semifinais de Copa masculina disputáronse o venres pola tarde e lograron a clasificación UB Lavadores Vigo e Indupor BM Porriño. O conxunto vigués superou na primeira semifinal ao BM Ribeiro Rodosa Ourense Provincia Termal. O equipo dirixido por Luis Montes mandou durante case todo o choque, pero na segunda metade o marcador apertouse moito e houbo emoción ata os últimos instantes, con opcións para ambos conxuntos. Resultado final: 31:29.

No segundo partido do día entre Indupor BM Porriño e Bueu Atlético houbo alternativas. Comezou gañando o equipo da Primeira Autonómica Masculina (10:5, min. 14), pero o Bueu fixo unha gran remontada para chegar ao descanso catro goles arriba (11:15). Na segunda metade o Bueu seguía por diante, pero as forzas se foron axustando e o equipo de Benaches chegou con máis reservas físicas ao tramo final do choque para lograr así eliminar ao equipo de Primeira Nacional e meterse na final da Copa Galicia (33:31).

Fotos: Xoel Gil

Copa Galicia feminina: Rubensa BM Porriño – Oliveira&Faro Saeplast Cañiza (13:00 h)

As semifinais de Copa feminina celebráronse o sábado pola mañá. No primeiro partido do día enfrontáronse Rubensa BM Porriño e Asmubal Meaño. Gran arranque das do Salnés (1-4), pero moi pronto o conxunto dirixido por Abel Estévez axustou a defensa e o Meaño comezou a sufrir. Ao descanso, un contundente 20:10 mostraba a superioridade do Porriño. Na segunda metade, todo seguiu igual e Estévez aproveitou para dar minutos ao seu numeroso banquillo. Ao final, 39:26 para o Porriño.

Calvo Xiria e Oliveira&Faro Saeplast Cañiza buscaban unha praza na final no segundo choque matinal. O Cañiza, equipo de División de Honra Prata Feminina, non deu opcións ao Calvo Xiria, de Primeira Autonómica. Dende o inicio, cun parcial de 0-5, o equipo dirixido por Mino Borja abriu distancias no marcador e así alcanzou o descanso con dez tantos de vantaxe (11:21). A segunda metade foi similar e aproveitada polos técnicos para facer as súas probas. Ao final, 25:40.

Supercopa Galicia masculina: Cisne Colegio Los Sauces – Frigoríficos do Morrazo BM Cangas (19:00 h)

Na primeira semifinal da Supercopa os equipos protagonistas foron Cisne Colegio Los Sauces e Valinox Novás, dous equipos que a pasada campaña coincidiron en Prata, pero cun Cisne que logrou o ascenso á Liga Asobal. Así, a pesar da diferenza de categoría, o inicio do choque estivo tremendamente igualado e foi así ata o minuto 20 (9:9). Neste tramo final o Cisne fixo un parcial de 5-0 para irse ao descanso cunha cómoda vantaxe (14:9). Na reanudación, mal inicio do conxunto dirixido por Samuel Trives e a distancia foise a dez tantos (20:10), pero o tempo morto do Novás permitiulles reaccionar, axustar a defensa e lograr igualar un pouco as forzas, aínda que sen posibilidade de remontar o choque (26:21).

No último partido do día, o conxunto local Frigoríficos do Morrazo BM Cangas quería facer valer a súa condición de favorito para superar a un Disiclín BM Lalín, cheo de enerxía e ganas de dar a sorpresa. Así ambos conxuntos ofrecéronnos un gran partido, no que se impuxo o equipo superior, pero no que o Lalín non deixou de loitar e de plantar cara sen mirar o resultado. Ao final, 32:23 para o Cangas.

Supercopa Galicia feminina: Mecalia Atlético Guardés – Conservas Orbe Rubensa BM Porriño (17:00 h)

Na Supercopa feminina hai final directa, polo que xa se coñecían aos protagonistas: Os representantes galegos na Liga Guerreiras Iberdrola. Partido de rivalidade e de calidade para o balonmán galego.

Debes ser identificado introducir un comentario.