O IFEVI acollerá os días 4 e 5 de setembro a Supercopa Ibérica Masculina, a Supercopa de España Feminina e a Gala do Balonmán Feminino, co F.C. Barcelona, o F.C. Porto, o Sporting C.P., o Bidasoa Irún, o Rocasa Gran Canaria e o Super Amara Bera Bera.
Vigo, 14 de agosto de 2026. A provincia de Pontevedra será a comezos de setembro a capital do balonmán ibérico. A Deputación de Pontevedra e a Federación Galega de Balonmán presentaron hoxe os tres acontecementos deportivos que converterán o Instituto Ferial de Vigo (IFEVI) no epicentro deste deporte durante unha fin de semana completa: a Supercopa Ibérica Masculina, a Supercopa de España Feminina e a Gala do Balonmán Feminino. Seis dos mellores clubs de España e de Portugal, tres acontecementos, unha soa sede e unha mesma fin de semana.
Unha aposta decidida da Deputación de Pontevedra
O regreso do balonmán de máxima categoría a Vigo —que non se vía desde 2018— é posible grazas á aposta decidida da Deputación de Pontevedra, institución impulsora e patrocinadora dos tres eventos. A corporación provincial respaldou desde o primeiro momento un proxecto que non se concentra nunha única cidade, senón que se reparte por toda a provincia: Vigo, Pontevedra, Redondela, Marín, Tui e O Porriño acollerán actividade da Supercopa nos días previos aos partidos.
A organización corre a cargo da Federación Galega de Balonmán, por concesión da Real Federación Española de Balonmano, que escolleu Galicia como sede de dous títulos oficiais no arranque da tempada 2026-27.
| «Somos a provincia do deporte, e hoxe volvémolo demostrar. Traer ao IFEVI os mellores clubs de España e de Portugal significa falar de Pontevedra en toda a península, e facelo repartindo o acontecemento por Vigo, Pontevedra, Redondela, Marín, Tui e O Porriño, para que chegue a toda a cidadanía e, moi especialmente, aos nenos e nenas dos nosos clubs.»— Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra |
| «O balonmán de máxima categoría chega a Vigo da man da Deputación, e faino cun triplo evento deportivo que transformará a cidade durante tres días.»— Luisa Sánchez, vicepresidenta da Deputación de Pontevedra |
Catro grandes do balonmán ibérico
A Supercopa Ibérica Masculina enfrontará catro dos clubs máis laureados da península. O venres 4 de setembro disputaranse as dúas semifinais: F.C. Barcelona – F.C. Porto ás 17:45 h e CD Bidasoa Irún – Sporting C.P. (Lisboa) ás 20:00 h. O sábado 5 xogaranse o partido polo terceiro e cuarto posto, ás 16:00 h, e a gran final, ás 20:30 h.
É unha das poucas competicións que sitúa fronte a fronte os mellores equipos españois e portugueses, e Galicia, pola súa posición fronteiriza e o seu vínculo co norte de Portugal, é o escenario natural para acollela.
O balonmán feminino, con nome propio
A Supercopa de España Feminina decidirase a partido único entre o Rocasa Gran Canaria e o Super Amara Bera Bera, os dous mellores equipos do balonmán feminino español, o sábado 5 de setembro ás 18:15 h.
A isto súmase a Gala do Balonmán Feminino, que se celebrará o venres 4 de setembro ás 22:00 h no Auditorio do IFEVI e que nace con identidade propia como recoñecemento a xogadoras, adestradoras, árbitras, clubs e canteiras.
Unha provincia enteira convertida en sede
Os seis equipos adestrarán en pavillóns da provincia nos días previos á competición, en sesións abertas ao público con encontro e sinatura de autógrafos cos clubs locais:
- Pontevedra — F.C. Barcelona
- Chapela (Redondela) — Rocasa Gran Canaria e Super Amara Bera Bera
- Marín — F.C. Porto
- Tui — CD Bidasoa Irún
- O Porriño — Sporting C.P. (Lisboa)
O xoves 3 de setembro, ás 20:00 h, nun lugar que se desvelará nos vindeiros días, realizarase o Media Day, coa presenza dos seis equipos e sinatura de autógrafos aberta á afección.
O balonmán galego, á altura
Detrás destas dúas Supercopas hai unha federación e uns clubs galegos que levan anos traballando. A Federación Galega de Balonmán asume a organización de dous títulos oficiais na mesma sede e na mesma fin de semana, unha responsabilidade que a Real Federación Española de Balonmano depositou en Galicia.
E non é un traballo de despacho: os clubs da provincia son parte do proxecto. O obxectivo vai máis alá do 5 de setembro: que os nenos e nenas que hoxe xogan nos clubs galegos vexan na súa casa o nivel ao que poden aspirar, e que a experiencia organizativa que deixa esta fin de semana quede en Galicia para as grandes citas que veñan.
| ENTRADAS |
| Venda en liña: https://entradas.fgbalonman.comPrezos populares: acceso gratuíto para os e as menores de seis anos e prezos populares para o resto de colectivos.Clubs da provincia: a Federación Galega de Balonmán, co apoio da Deputación de Pontevedra, porá en marcha unha oferta especial para os clubs da provincia de Pontevedra. |
O IFEVI é un recinto feiral e non un pavillón deportivo, polo que acoller unha competición oficial deste nivel suporá a transformación íntegra do pavillón número 3 para convertelo no mellor pavillón de Galicia: pista regulamentaria, bancadas supletorias, vestiarios, videomarcadores, iluminación e produción de televisión.
| «Adaptar un recinto feiral para convertelo nun pavillón de máximo nivel é un reto importante, pero o balonmán galego estará á altura e estou convencido de que organizaremos as mellores Supercopas da historia.»— Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán |
Programa completo
| DÍA | HORA | ACTO |
| Xoves 3 | 20:00 | Presentación oficial e Media Day · Lugar por concretar |
| Venres 4 | 17:45 | Semifinal 1 · F.C. Barcelona – F.C. Porto |
| Venres 4 | 20:00 | Semifinal 2 · CD Bidasoa Irún – Sporting C.P. |
| Venres 4 | 22:00 | Gala do Balonmán Feminino · Auditorio do IFEVI |
| Sábado 5 | 16:00 | Partido polo 3.º e 4.º posto (masculino) |
| Sábado 5 | 18:15 | FINAL Supercopa de España Feminina · Rocasa Gran Canaria – Super Amara Bera Bera |
| Sábado 5 | 20:30 | FINAL Supercopa Ibérica Masculina |












