A PROVINCIA DE PONTEVEDRA DESFRUTARÁ DO MELLOR BALONMÁN DE ÉLITE

Os Hispanos xogarán a clasificación para o mundial en Lalín, e as Guerreras esperan certificar o seu pase ao europeo contra Azerbaiyán no Porriño. Ademáis a Copa 5×5 de Balonmán na Rúa terá unha sede en Pontevedra.

No día de hoxe, ás 12:30 horas, no Pazo Provincial de Pontevedra e diante de máis de cen asistentes, tivo lugar a presentación oficial dos próximos eventos balonmanisticos cos que a Federación Galega de Balonmán e a Deputación de Pontevedra tratarán de achegar o balonmán de elite á provincia; balonmán de elite masculino, feminino e de base.

No acto de presentación estiveron presentes: o Presidente da Real Federación Española de Balonmano, D. Francisco Blázquez, o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, D. Luís López, a Vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Dª. Marta Fernández Tapias e o Presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López; ademais tamén asistiron os alcaldes dos concellos do Porriño e de Lalín, que albergarán os encontros dos combinados nacionais e diferentes representantes, xogadores e xogadoras de diferentes clubs da provincia.

A Federación Galega de Balonmán, en colaboración coa Real Federación Española de Balonmano e co apoio determinante da Deputación de Pontevedra presentou os seguintes eventos que terán lugar en diferentes puntos da provincia de Pontevedra para os vindeiros meses:

– España – Acerbaiyán (absoluto feminino). Terá lugar o domingo 7 de abril no Porriño, as “Guerreras” tratarán de materializar a súa clasificación ao europeo en terras galegas. O combinado nacional feminino non pisa terras galegas dende o 7 de outubro de 2015, e a provincia de Pontevedra dende o ano 2007. A selección española conta nas súas filas coa galega Alicia Fernández (Valdoviño) e coa xogadora do Balonmán Porriño, Paulina Buforn.

– España – Serbia (absoluto masculino). O equipo de Jordi Ribera estivo en varias ocasións na provincia pero nunca cun desafío tan importante coma o de acadar a clasificación para o campionato do mundo de 2025; nesta ocasión ante Serbia. Os “Hispanos” volverán a Lalín catorce anos despois, o 8 de maio de 2024, para tratar de acadar unha vantaxe que terán que defender posteriormente no pais balcánico; un encontro decisivo nun dos templos do balonmán galego.

– Copa 5×5 de Balonmán na Rúa (categorías base). Chega á vila do Lérez o circuíto de elite do balonmán de base; unha aposta novidosa por visibilizar o balonmán do xeito máis vistoso e atractivo. A Federación Galega de Balonmán instalará un estadio de minibalonmán na rúa, o cal albergará máis de douscentos encontros durante seis días, esta iniciativa está dirixida a nenos e nenas de categorías alevín e benxamín.

Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán comentou: “é moi importante para balonmán galego poder contar coa selección española tanto masculina coma feminina na provincia, e máis en encontros tan importantes e determinantes coma os que se van celebrar; temos que agradecer enormemente o apoio da Deputación de Pontevedra, porque a cantidade de recursos necesarios e moi grande e co seu apoio faise máis doado emprender esta andadura. Dende a deputación pedíronnos actividades que promocionasen o balonmán tanto feminino coma masculino e por suposto de base; creo que estas iniciativas suporán un paso adiante para o promoción do noso deporte.

Tratouse de distribuír xeográficamente os diferentes eventos para que abarcasen amplas zonas de influencia balonmanística, analizando os recursos necesarios e sempre cumprindo coas esixencias marcadas pola IHF e pola propia montaxe do 5×5, en moitas ocasións as esixencias a nivel de instalacións e infraestruturas reducen as posibilidades a menos sedes das que nos gustaría. Lalín, O Porriño e Pontevedra son lugares moi importantes para o balonmán na nosa comunidade e estamos seguros de que os tres eventos terán un éxito rotundo”.

A Federación Galega de Balonmán ten previsto seguir anunciando máis actividades de carácter internacional nas vindeiras semanas, ademais de que este ano acadouse ter unha sede do curso nacional de adestradores/as, Santiago de Compostela acollerá a actividade desa fábrica de talentos que tanto éxito ten a nivel mundial.