A arbitraxe galega celebrará tamén en Lalín o seu stage de pretempada
Lalín acollerá esta fin de semana (31 de agosto e 1 de setembro) a fase final da Copa Galicia Masculina, coa participación de Frigoríficos do Morrazo, Teucro, Cisne e Balonmán Chapela. A final, que se celebrará o domingo (20:00 horas), será retransmitida pola TVG-2.
Hoxe tivo lugar no Concello de Lalín, a presentación da fase final da Copa Galicia masculina 2019. No acto estiveron presentes o alcalde de Lalín, José Crespo; o concelleiro de Deportes, César Reboredo; e o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López.
Esta competición, patrocinada pola Secretaria Xeral para o Deporte, comezou a mediados de agosto coa participación de doce equipos de Primeira Nacional, tres equipos de División de Honra Prata e un equipo participante da Liga Asobal. Despois da disputa dos oitavos e os cuartos, chegamos a fase final en Lalín, grazas á colaboración do Concello de Lalín co balonmán galego, unha vez máis. Desta forma volveremos vibrar cos mellores conxuntos galegos nun entorno espectacular, como é o Lalín Arena e con acceso libre para todas aquelas persoas que queiran gozar co espectáculo do mellor balonmán galego.
O sábado celebraranse as semifinais. A primeira, que comezará ás 18:00 horas, enfrontará a Frigoríficos do Morrazo e Rodosa BM Chapela, mentres que na segunda (20:00 horas) teremos derbi pontevedrés co Condes de Albarei Teucro e Cisne Colegio Los Sauces como protagonistas.
O domingo disputarase a final da Copa Galicia a partir das 20:00 horas coa Televisión Galega (TVG-2) como testemuña. O pasado ano, o Teucro logrou o título na Copa Galicia, ao superar na final ao Frigoríficos do Morrazo por 34-33, tras unha espectacular remontada na segunda metade.
Stage arbitral
O domingo 1 de setembro celebrarase tamén en Lalín o stage arbitral de pretempada no que participarán preto de 120 árbitros/as, anotadores/as e cronometradores/as galegos/as. Será unha intensa xornada para o colectivo, na que terán que pasar as probas físicas e realizar test teóricos sobre o regulamento. Ademais haberá charlas técnicas de actualización e intercambio de información e de opinións entre os diferentes integrantes do estamento arbitral.
Debes ser identificado introducir un comentario.