O Salón Nobre do Concello de Santiago de Compostela acolleu hoxe ás 19:00 horas a presentación do Torneo Inter-Nacional de Balonmán Deputación da Coruña; no acto estiveron presentes: Pilar Lueiro García (Concelleira de Deportes, Relacións Veciñais, Festas, Rural), Jose Ignacio Permuy Varela e Carla Abad (Vicepresidentes da Federación Galega de Balonmán), Javier Rico Díaz (Delegado do Reitor para o Deporte na USC), Juan Carlos Argúello Fernández (Xefe o Servizo de Programación Deportiva e Deporte en Idade Escolar) e Antonio Leira Piñeiro (Deputado de Deportes da Deputación da Coruña).
O Torneo Inter-Nacional de Balonmán Deputación da Coruña é unha das actividades financiadas pola Deputación Provincial da Coruña que ademais conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, da USC e da Secretaría Xeral Para o Deporte da Xunta de Galicia.
Dende a Federación Galega de Balonmán agradeceuse o apoio das diferentes institucións, en especial a do ente provincial coa que se realizan outras moitas actividades que permiten que o balonmán galego siga a medrar especialmente no norte da nosa comunidade. Os/as representantes das diferentes institucións destacaron a importancia de realizar eventos coma o Torneo Inter-Nacional de Balonmán Deputación da Coruña, no que ademais dos valores intrínsecos do deporte, se dinamizará de xeito importante a economía local.
Os combinados galegos das categorías infantil e cadete, tanto masculinas coma femininas asistiron ao acto inaugural dunha competición que servirá de preparación para o Campionato de España de Seleccións Autonómicas, que se celebrará do 3 ao 8 de xaneiro en Cataluña.
O Torneo Inter-Nacional de Balonmán Deputación da Coruña contará con máis de 400 deportistas de categoría infantil e cadete; as seleccións do Principado de Asturias, da Rexión de Oporto e da Rexión de Aveiro serán os rivais das seleccións galegas.
O torneo dará comezo o día 6 no Pavillón do Restollal, a partir das doce da mañá terán lugar os enfrontamentos entre Galicia e Asturias, rematando a xornada ás 20:30 horas. O sábado pola mañá as seleccións galegas enfrontaranse á Rexión de Aveiro, no pavillón do Restollal e da USC; mentres que os pavillóns de Santa Isabel e Roxos acollerán durante todo o día o resto de enfrontamentos entre os combinados asturianos e portugueses. O domingo será a xornada de clausura, pavillóns do Restollal e Santa Isabel enfrontaranse durante todo o día os equipos portugueses e as seleccións galegas contra Oporto.
Poderanse consultar todos os horarios con máis detalle na paxina web da Federación Galega de Balonmán.